Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada por unanimidade a solicitude de...

LUZ VERDE PARA A LICITACIÓN DE ONCE POSTOS DO MERCADO MUNICIPAL

Aprobada por unanimidade a solicitude de transferencia de propiedade para poder derrubar o edificio da antiga Cámara Agraria

Martes 1 de outubro do 2013

Co acordo de todos os membros da corporación aprobouse tamén a Constitución de agrupación de concellos e convenio de colaboración co Concello da Laracha en orde á execución da obra denominada "Soterramento de infraestruturas eléctricas en A Piña". Así, a Consellería de Industria vén de aprobar unha subvención para soterrar as liñas eléctricas na contorna da capela da Piña nunha zona que afecta aos concellos de Carballo e A Laracha. Os traballos teñen un importe de 109.262,20 euros e a administración autonómica concedeu o límite máximo da axuda, de 100.000 euros. Unanimidade recibiu, así mesmo, a Ordenanza reguladora de praias do Concello de Carballo, cun texto no que se recollen sancións que van de leves, de ata 120 euros; a graves, de ata 300 euros; e a moi graves, de ata 3.000 euros. O último acordo que recibiu o apoio de toda a corporación refírese a unha moción, presentada polo trámite de urxencia, na que o Concello de Carballo esixe a paralización da venda de Nova Galicia Banco mentres a totalidade dos afectados/as desa entidade non recuperen o cen por cen do diñeiro de participacións preferentes e subordinadas.

Outros asuntos que recibiron o visto e prace do pleno, aínda que non unánime, foron unha Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Carballo e a actualización a un IPC estimado dun 2,2 por cento da Ordenanza fiscal número 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de lixo e residuos sólidos urbanos para 2014. Neste segundo caso, o importe da taxa para as vivendas do casco urbano pasa de 62,90 euros a 64,28 euros, mentres que no medio rural, onde a recollida non é diaria, o importe pasa de 50,33 a 51,44 euros. Entre todos os asuntos, decidiuse retirar a aprobación inicial dunha Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar e dos prezos públicos do Concello de Carballo. O motivo é que a Xunta acaba de publicar a carteira de servizos a través da Consellería de Traballo e Benestar e de aprobarse agora, a nova normativa debería adaptarse a esta carteira. Os concellos contan cun prazo de seis meses para actualizar as súas ordenanzas, polo que o Concello carballés realizara as modificacións pertinentes antes de aprobala no pleno para axilizar o proceso e darlle o visto e prace incluíndo todos os cambios esixidos.

Compartir: