Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 30 nenos e nenas gozarán da maxia...

DO VENRES 4 AO SÁBADO 5 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Preto de 30 nenos e nenas gozarán da maxia nocturna do teatro a través do campamento infantil "Unha noite de farándula"

Xoves 3 de outubro do 2013

Haberá tempo para a expresión corporal, a xesticulación ou a proxección da voz, entre outras actividades. A cea (21.30 - 22.15 horas) dará paso a un concurso en grupos (22.15 - 00.00 horas) con distintas probas nas que terán que mostrar a súa capacidade para a improvisación, a mímica, a rapidez de reflexos, o ritmo,… mentres non paran de rir. Á media noite, xa metidos nos sacos de durmir, atoparán o sono a través do conto, como unha porta cara a aventura, as emocións e o inesperado. O espertar será cunha dinámica e divertida sesión de aeróbic cómico (08.00 - 08.30 horas) que lles dará enerxía para continuar cun obradoiro de monicreques de dedo (08.30 - 09.30 horas), entrar en contacto coas personaxes arquetípicas da Comedia dell'Arte e seguir tratando sobre como definir un rol teatral. Os participantes intentarán materializar o espírito deste FIOT pensado para os máis pequenos creando unha mascota á que porán por nome "Fiotiño" e que simbolizará este novo concepto dentro do Festival.

O Fiotiño: festival para os máis cativos e cativasDespois do almorzo (09.30 - 10.00 horas), os participantes iniciarán un obradoiro de maquillaxe. Aprenderán trucos sinxelos para transformarse tanto nun personaxe como nun ser inanimado cheo de vida. Xa por último (11.00 - 11.30 hroas), o grupo poñerá en práctica o aprendido durante o campamento nunha representación guiada e libre ante nais e pais. Ademais dos bos recordos, da diversión e das técnicas aprendidas, os nenos e nenas levarán de regalo un suadoiro coa imaxe do "Fiotiño", un diploma e un DVD con fotos da noite máxica e teatral que acaban de vivir. O "Fiotiño" é un novo concepto na traxectoria do Festival carballés que reúne a parte máis lúdica e didáctica do FIOT, concibida para achegar aos nenos e nenas ao teatro.

Ademais do campamento "Unha noite de farándula", inclúense dentro deste programa infantil o XIII Concurso de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís e a sesión de contacontos con Santi Prego, "O teatro máis pequeno do mundo" (espectáculo incluído na XV Rúa dos Contos) que terá lugar na Ludoteca Municipal o venres 5 de outubro ás 18.00 horas (entrada libre). A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do FIOT, queren sumarse así á tendencia de todos os grandes teatros do mundo que optan por ofrecer programas estables, actividades e espazos que achegan as artes escénicas aos máis cativos.

Compartir: