Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo leva a súa campaña...

EN LUGO ENTRE O XOVES 3 E O DOMINGO 6 DE OUTUBRO

Carballo leva a súa campaña turística a Expocidades, a primeira edición da Mostra de Turismo do Eixo Atlántico

Xoves 3 de outubro do 2013

Carballo é a única vila da Costa da Morte que forma parte do Eixo Atlántico. É das poucas cidades e vilas da provincia, xunto coa Coruña, Santiago, Ferrol e Riveira, que está integrada nesta asociación de entidades municipais. Expocidades está pensada para mostrar información turística e produtos gastronómicos de cada unha das vilas participantes. Así, paralelamente ao desenvolvemento da feira, terá lugar tamén unha mesa de contratación onde mostrar produtos etno gastronómicos das cidades e promover produtos de calidade e excelencia. Carballo aproveitará a feira para divulgar o potencial do municipio para o turismo de proximidade. O obxectivo é presentar os atractivos do Concello como apetecible destino da fin de semana, unha vila que está encravada nun dos grandes reclamos do turismo galego (a Costa da Morte) e a un paso de dúas das cidades con máis atractivo neste eido en Galicia (A Coruña e Santiago de Compostela). Un Concello con gran vida comercial, con todos os servizos, arroupado polo espazo natural protexido Razo-Baldaio, e dotado das únicas augas mineiro-medicinais da Costa da Morte, cunha interesante oferta, ademais, en turismo activo.

Compartir: