Inicio Carballo ao día Hemeroteca A primeira fin de semana do FIOT arrincou con...

CATRO NOVAS ACTUACIÓNS OS DÍAS 10, 11 E 12 DE OUTUBRO

A primeira fin de semana do FIOT arrincou con público e gargalladas grazas á XV edición da Rúa dos Contos

Luns 7 de outubro do 2013

A programación de sala do FIOT comeza o venres 11 de outubro, pero a Rúa dos Contos tamén ten continuidade a fin de semana do xoves 10 ao sábado 12 de outubro. Así, José Campari visita a Vinoteca La de Bur o xoves 10 ás 21.00 horas con "Para ser sincero" José Campanari é un dos contadores de historias máis recoñecidos en Galicia e regresa de novo a Carballo, para presentar unha das mellores recompilacións de contos orais e de creación a longo dos seus 20 anos de traxectoria, que o levou por numerosos festivais nacionais e internacionais. Entrada libre.

O venres 11 o Pub O'Patacón acolle a Ricardo Barreiro con "Somos a ostia" ás 23.00 horas. Que pasou con Naranjito? Pois que foi o aliciente para crear unha xeración que formou un movemento vangardista co paso dos anos, pese a quen lle pese!!! Diso fala este monologuista inquedo é un experto en facetas artísticas diversas como o cine ou a televisión e que chega para manter un pulso moi divertido co público. Entrada 2 €.

Tamén o venres pero en A Barra Bar ás 00.30 horas Nelson Quintero Cía presenta "Microcabaré. Caligrafías dun neno pequeno". Afogado pola crise mais sen perder o sentido do humor, o director é o único supervivente do cabaré, este mestre de cerimonias amosará que con ganas e sentido do humor o espectáculo pode continuar. Compendio de microcabaré nun exercicio de cinismo, humor ácido e sinceridade brutal que se convirte así nunha metáfora da situación actual. Entrada 2 €.

E o sábado 12 é o peche desta XV edición da Rúa dos Contos con dúas propostas ben distintas. Ás 23.00 horas A Bombonera acolle ao mago Cayenato Lledó e o seu "Cabaret Máxico". Un espectáculo de maxia teatral que bebe directamente do teatro de variedades baseado na mímica e na enerxía emotiva da man do recoñecido mago Cayetano LLedó. Unha produción interesante que aporta unha nova maneira de involucrar outras disciplinas artísticas que sorprenderá aos espectadores. Entrada libre.

E a fin de festa é para Xosé Touriñán na Cervexaría Dublín con "Manolo Lojo". Este personaxe regresa a Carballo para contarnos a súa interesante vida antes de tomar unha decisión drástica. Como xa non ten ganas de vivir, nada lle sae ben,... ten que revelar algún dos seus segredos máis importantes. O showman Xosé Touriñán pechará esta 15 edición da Rúa dos Contos máis irreverente, canalla e surrealista cun dos seus personaxes máis carismáticos. Entrada 4 €.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo da Rúa dos Contos 2013 nesta mesma nova.

Compartir: