Inicio Carballo ao día Hemeroteca A ampliación do CEIP Bergantiños,...

AS NOVAS AULAS ALBERGARÁN A 225 NENOS E NENAS

A ampliación do CEIP Bergantiños, que supón un investimento de máis dun millón de euros, estará lista en febreiro de 2014

Mércores 9 de outubro do 2013

Os traballos de ampliación que se están realizando suporán a creación dun novo aulario de Educación Infantil nun edificio independente na mesma parcela do CEIP Bergantiños. O edificio está concibido para albergar nove aulas dispostas arredor dun patio axardinado con aseos especiais para nenos e nenas incorporados, aseo e sala de profesores, unha aula de usos múltiples e psicomotricidade, ademais de zonas de acceso e almacenamento. Deste xeito o novo espazo poderá acoller a 225 alumnos e alumnas e así axudar a solucionar os problemas de escolarización que se presentan cada curso no municipio. Respecto da marcha das obras, actualmente xa está rematada a estrutura da edificación e estanse a realizar os tabiques de ladrillo e o peche da fachada.

Iniciativa de apoio e acompañamento a alumnado

O Conselleiro aproveitou a visita para lembrar que o centro participa na iniciativa de contratos-programa que o curso pasado implicou a preto de 50 estudantes na liña de reforzo, orientación e apoio, na modalidade de acompañamento fóra do horario escolar. Así mesmo, subliñou que tanto o comedor do CEIP Bergantiños como o do CEIP Gándara-Sofán están sendo asumidos este curso pola Consellería co obxectivo de conseguir que a xestión do servizo sexa pública na súa maioría. Respecto da desaparición de Escolas Unitarias no rural, como no caso da EEI de Vilela este curso, Vázquez Abad explicou que estes casos prodúcense cando os centros contan con menos de cinco alumnos, o que ocorría nesta Unitaria de cara ao curso 2013-2014.

Compartir: