Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo colabora con Vía Láctea...

O MUNICIPIO TERÁ PARTE IMPORTANTE NA METRAXE DA CINTA

Carballo colabora con Vía Láctea Filmes para crear "Sicixia", unha película inspirada, creada e rodada na Costa da Morte

Mércores 9 de outubro do 2013

O director da cinta, Ignacio Vilar, explica que nestes momentos xa está escrito o guión, calculado o orzamento, de arredor dun millón de euros e está feito boa parte do casting, do que xa se saben as protagonistas femininas: Tamara Canosa e Marta Lado. Está previsto que a rodaxe comece a primeiros do próximo mes de setembro e que a estrea sexa en maio de 2015. Respecto do proceso creativo, Vilar resalta que a Costa da Morte é a auténtica protagonista do filme, xa que inflúe directamente no desenvolvemento dos personaxes. O guión elaborouse durante un intenso mes de viaxes pola comarca, escribindo as escenas e vendo ao mesmo tempo as localizacións "entrando na esencia da Costa da Morte", segundo Vilar. As pescas, percebeiros, berberecheiras e xente do mar están plasmados nos tres personaxes principais, nos que as mulleres teñen o peso principal, "porque a muller da Costa da Morte é unha muller especial", explica o director. Vilar tamén quixo agradecer con encarecemento a colaboración do Concello, dada a dificultade para atopar financiamento nestes tempos. O Concelleiro de Promoción Económica manifestou que é "un orgullo participar nun proxecto galego e en galego que fala da Costa da Morte e de nós mesmos", mentres que Ferrero reiterou o desexo de que sexa un filme de éxito e que tamén sirva para que a industria do cine se fixe nas posibilidades que ofrece un "territorio mítico" como a Costa da Morte.

Respecto das condicións do convenio, Carballo acollerá a estrea oficial do filme, coa participación do equipo técnico e artístico, sendo tamén a vila protagonista nos labores xerais de promoción. A cinta contará con distribución internacional e presenza nos festivais de cine máis prestixiosos. O Concello realizará unha colaboración trianual coa empresa Vía Láctea Filmes, por un importe total de 12.000 euros repartidos nos exercicios de 2013, 2014 e 2015 e que contribuirán, na primeira anualidade, á documentación, investigación, busca de localizacións, tratamento, guión e preparación da rodaxe; na segunda anualidade a achega destinarase a gastos de rodaxe, alugueiro de equipos, salarios, decoración ou post produción; na anualidade de 2015 a achega contribuirá á estrea, promoción e publicidade de "Sicixia" na Costa da Morte, así como nas diferentes cidades galegas e estatais e nos festivais internacionais aos que concorra o filme. Carballo tamén colaborará durante os días da rodaxe do filme, e na medida das súas posibilidades, facilitando os permisos necesarios ou a colaboración de Protección Civil, Policía Local, Bombeiros, etc. A película compleméntase coa creación por parte de Vía Láctea Filmes dunha exposición fotográfica itinerante con imaxes de alta calidade obtidas durante a rodaxe, así como coa distribución de vídeos para inserir en redes sociais relacionados con Carballo e a Costa da Morte.

Compartir: