Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT 2013 sube o pano das funcións de...

O DOMINGO 13 CHEGA A PRIMEIRA PROPOSTA DO OTNI

O FIOT 2013 sube o pano das funcións de sala cos vascos Kulunka Teatro e o galego Grupo Chévere

Mércores 9 de outubro do 2013

O teatro xestual de Kulunka engaiolará durante 80 minutos ao público do auditorio carballés. Máscaras de grandes rasgos, que non falan, pero que expresan emoción e risas contarán sen palabras a historia de "André e Dorine". Co paso do tempo, esta parella de anciáns caeu na rutina, pero o Alzheimer irrompeu nas súas vidas e eles loitarán contra a enfermidade recordando e agarrándose ás súas memorias. Sobre a escena, tres actores -Garbiñé Insausti, José Dault e Eduardo Cárcamo- recrean máis de 15 personaxes que coa súa presencia, en ningún momento muda ou inexpresiva, impoñen a poesía visual, facendo chegar un espectáculo sen fronteiras, baseado na linguaxe non verbal e comprometido coa realidade.

Tras o éxito do domingo 6 de outubro con "Ultranoite", o Grupo Chévere volve ao FIOT carballés para presentar "Eurozone". Trátase dunha ambiciosa produción de gran formato concibida en clave de thriller na que participa un elenco de oito actores (Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Borja Fernández, Pepe Penabade) e tres técnicos. Hora e media de duración para aproximarse en clave de farsa teatral á crise do euro, á fin da idea de Europa e a un sistema democrático deslexitimado. Como complemento á representación, o xoves 10 os espectadores poderán coñecer o proceso creativo desta produción artellada desde cero durante meses de ensaios e textos propios do Grupo Chévere nun obradoiro que a compañía realizará no Pazo da Cultura, con entrada libre (20.00 horas).

A sección máis alternativa do FIOT, o Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) tamén comeza esta fin de semana cun dobre calificativo. Por unha parte, Symon Pédrícrí, de Diego Anido Co é a terceira coprodución do Festival, nesta ocasión en colaboración co TNT/CAET - Centre d’arts esèniques de Terrasa e o Festival ALT de Vigo. Pola outra, o auditorio de Carballo será o primeiro escenario galego no que se estree este espectáculo de ventriloquia pouco habitual. A pesar de tratarse dun proxecto unipersoal, Symon Pédrícrí incorpora o traballo dun equipo moi amplo e especializado comandado polo actor compostelán afincado en Barcelona Diego Anido, director e único intérprete da obra. Sobre o escenario, durante 60 minutos sorprenderá a combinación de humor e xogo con técnicas teatrais como a manipulación de obxectos, a composición coreográfica ou o teatro musical.

Por último, se o teatro sae á rúa pola noite, tamén o fai o domingo 13 de outubro na feira en Carballo co espectáculo de animación de Benito e Rufina. A parella aproveitará a xornada matutina e sairá de compras pola Praza do Concello e as rúas Coruña e Hórreo ou o Mercado Municipal. O horario dos pases é de 12.30 a 13.15 e de 13.30 a 14.15 horas.

Compartir: