Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Unión Asistencial de Drogodependencias...

O SERVIZO LEVA EN MARCHA PRETO DE 20 ANOS

A Unión Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Carballo muda de oficinas e conmemora o Día Mundial da Saúde Mental

Xoves 10 de outubro do 2013

O persoal da UAD, do que forman parte, ademais da directora, un médico, unha traballadora social, unha enfermeira, un auxiliar administrativo e un vixiante de seguridade, estivo acompañado no acto polo Xefe do Servizo de Saúde Mental, Manuel Arrojo Romero; por Manuel Serrano, Xefe de Saúde Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; pola Concelleira de Sanidade, María del Carmen Regueira; e por numerosos membros da corporación e representantes dos corpos de seguridade e dos servizos médicos locais. Arrojo aproveitou a ocasión para facer fincapé, ao igual que Lourdes Suárez, en que o consumo abusivo de substancias é un trastorno que pertence "ao campo da saúde mental", e que é necesario achegar o traballo do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e das UAD para avanzar no tratamento desta enfermidade e incluso coordinar os servizos de atención primaria e Urxencias e as UAD para mellorar a atención deste tipo de pacientes. Pola súa banda, o Alcalde quixo agradecer o labor de todos os profesionais implicados no traballo de prevención e tratamento dos trastornos mentais e amosou a súa satisfacción polas novas instalacións, que espera redunden positivamente na situación dos pacientes. O breve acto rematou cuns pinchos que elaboraron, de forma gratuíta, os alumnos e alumnas do Curso de Hostalería que se está levando a cabo no Fórum Carballo, e que aproveitaron a ocasión para desenvolver a parte práctica desta acción formativa.

Compartir: