Inicio Carballo ao día Hemeroteca Quince locais hostaleiros participan na...

OS DÍAS DE FUNCIÓN DE SALA: ALMORZOS, TAPAS, MENÚS E RACIÓNS

Quince locais hostaleiros participan na iniciativa "Dálle un bocado ao FIOT", unha ruta gastronómica inspirada no festival

Xoves 10 de outubro do 2013

O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, explica que a iniciativa pretende aproveitar a programación do FIOT e o seu poder de convocatoria, que implica a chegada de moita xente á vila, para potenciar a actividade hostaleira. O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, subliña que o obxectivo é "xerar sinerxías para que Carballo sexa máis atractivo" porque "o FIOT ten que ser útil para a vila" e tamén "converterse nun evento de todos". O Alcalde, Evencio Ferrero, salienta o feito de que xa se teña creado a "marca FIOT" e que o interesante agora é que esa marca se vaia estendendo polo territorio e converténdose, non só nun referente cultural, senón tamén "nun referente económico e turístico", sendo "a marca por excelencia de Carballo". Os hostaleiros estiveron representados na presentación da iniciativa por Jaime Montes, de Bodegón O'Pescador; e por José Manuel Vázquez de Taberna O'Mexillón. Sueiro recoñeceu que a orixe da iniciativa comezou no Pescador, onde o ano pasado xa se ofrecía o "menú do FIOT". Jaime Montes espera que a iniciativa poida "dinamizar" a actividade hostaleira "especialmente os sábados pola noite". Vázquez quixo, pola súa parte, agradecerlle á organización a posibilidade de que os locais se relacionen co FIOT.

Respecto dos horarios de "Dálle un bocado ao FIOT" é cada local o que decide o horario e se prefire ofrecer almorzos, xantares, ceas, tapas, menús ou racións, aínda que cada local debe especificar e anunciar os seus horarios. Tamén debe crear unha oferta gastronómica distinta da habitual e cun nome diferenciado. Responsabilízanse, así mesmo, de entregar os boletos para o sorteo e os agasallos para os clientes con entradas do FIOT. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da cita nesta mesma nova nun documento en pdf.

Compartir: