Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nace en Carballo o primeiro club de atletismo da...

MÁIS INFO E INSCRICIÓNS EN <atletismocarballo2013@gmail.com>

Nace en Carballo o primeiro club de atletismo da comarca de Bergantiños para saldar unha "débeda" con este deporte

Mércores 11 de setembro do 2013

Respecto dos horarios e días, haberá a posibilidade de adestrar a partir do 30 de outubro os xoves, como día fixo, e os mércores ou venres de 16.30 a 17.30 horas no primeiro caso, e de 17.30 a 18.30 horas no caso dos venres. O club está aberto a alumnado dende 1º a 6º de Primaria, ESO e Bacharelato, e tamén para adultos e veteranos, aínda que neste caso os horarios deberán concretarse máis adiante. Os lugares dos adestramentos serán as pistas do Chorís e o pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero. Pepe Domínguez, un dos futuros adestradores, coñecido pola súa traxectoria en Cerceda, tamén quixo resaltar que "o atletismo non é só correr", unha idea que foi repetida en varias ocasións na presentación do novo club. A altura, a pértega, a lonxitude, o triple salto ou os lanzamentos de xavelina, peso, martelo ou disco, así como as probas combinadas son outras das posibilidades que ofrece o atletismo, con variantes adaptadas a condicións físicas moi diversas. Domínguez tamén subliñou que o club nace grazas ao esforzo de moita xente e que agora o que desexan é "empezar a traballar canto antes". Para o tesoureiro da nova entidade, Jesús Pena, Carballo é un bo marco no que comezar co club, xa que ten demostrado en varias citas, como a carreira popular que adoita a celebrarse en xuño, ou o número de nenos e nenas presentes no cross escolar, que ten capacidade para manter esta iniciativa.

A Fundación Luís Calvo Sanz estará presente para ofrecer o seu "apoio espiritual e económico", segundo explica no seu nome Luciano Calvo, que salientou que, tras éxitos noutras disciplinas como balonmán, baloncesto ou natación, agora Carballo xa está "ao completo". Tamén bromeu dicindo que, en todo caso, o club non chega a tempo para presentar atletas ás olimpíadas de Brasil 2016. Pola súa banda o presidente da Federación, Isidoro Hornillos, non quixo deixar de mostrar a súa "satisfacción" por ver os primeiros pasos deste club, agracedeu o apoio para este deporte tanto do Concello como da Fundación Luís Calvo e desexoulles un futuro cheo de éxitos. Por último, o Alcalde pechou a presentación lembrando os logros que colleitan deportistas da vila, como coa traxectoria de Anxeliño Esmorís no Manchester City, formado das Escolas Luís Calvo; ou de Carlos García, facendo unha carreira de éxito no Teucro de balonmán e xogador do Xiria nos seus comezos. E desexando que estes mesmos éxitos se plasmen no atletismo, quedándolle á administración a obriga de "apoiar" estas iniciativas e agradecendo o traballo de colaboradores como Luciano Calvo "persoa fundamental para toda a actividade cultural e deportiva de Carballo".

Ademais de por correo electrónico, os interesados e interesadas poden obter máis información nas oficinas Carballo Deporte da rúa Vila de Corcubión ou nos propios centros de ensino, onde se repartirán dípticos informativos.

Compartir: