Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT coproduce por terceira vez un...

A CITA É O DOMINGO 13 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT coproduce por terceira vez un espectáculo do festival con "Symon Pédícri", do galego Diego Anido Co

Venres 11 de outubro do 2013

Entre outros, a coprodución "Symon Pédícri" contou tamén co apoio do Centro Dramático Galego (CDG) onde Anido realizou unha residencia artística en febreiro pasado. Cos espectáculos de ventriloquia como inspiración, a nova proposta de Diego Anido Co construíuse a partir do xogo con diferentes técnicas escénicas como a manipulación de obxectos, a composición coreográfica, o teatro musical, o texto ou a videocreación, ao tempo que procurou o equilibrio entre o humor e a escuridade. O punto de partida desta historia de 60 minutos é o propio personaxe de Symon Pédícrí. El é un dos últimos descendentes dunha saga familiar dedicada á selección xenética de razas equinas e impulsora, así mesmo, dun inofensivo sistema de clasificación xenealóxica das razas humanas. Rexeitado pola comunidade científica e impermeable aos avances da xenética, Symon intentará perpetuar as técnicas dos seus antepasados para darlles un uso menos inocuo: crear un novo ser que supere a súa imaxe e semellanza. A través das súas prácticas con bonecos e criaturas inertes conseguirá, por fin, comunicarse cunha das súas creacións e manter con ela un diálogo revelador. A pesar de tratarse dun proxecto unipersoal, Symon Pédrícrí incorpora o traballo dun equipo moi amplo e especializado comandado polo compostelán Diego Anido, director e único intérprete da obra.

Diego Anido desenvolve a súa traxectoria profesional en Barcelona vinculado a compañías como a de Andrés Corchero ou Agrupación Señor Serrano, caracterizada pola creación contemporánea multidisciplinar. En paralelo, realiza unha intensa actividade como creador dos seus propios proxectos, que adoita levar a escena como único intérprete dunha linguaxe complexa e moi persoal que se serve do texto, da música, da acción e do corpo para plasmar propostas de difícil tipoloxía, próximas á performance. O FIOT iniciou en 2010 unha nova vía para promocionar e apoiar o teatro desde un punto de vista máis directo e comprometido mediante a coprodución de espectáculos de calidade de compañías ou creadores galegos que se consideran de interese para o público e para as artes escénicas de Galicia. O ano pasado coproduciu "O método Grönholm" xunto con Talía Teatro e dous anos antes, "Un cranio furado", de Produccións Teatrais Excéntricas. Ambos traballos víronse recompensados polo éxito entre o público e, en concreto, o último, tamén coa acreditación outorgada polos cinco galardóns acadados nos Premios María Casares, entre eles, o de Mellor Espectáculo do ano.

As entradas para Symon Pédrícrí (3 €) aínda se poden comprar en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. A billeteira do Pazo da Cultura de Carballo está aberta de 19.30 a 21.00, antes do inicio da función.

Compartir: