Inicio Carballo ao día Hemeroteca A carballesa Alba Bermúdez presenta no...

CICLO OTNI: VENRES 18 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

A carballesa Alba Bermúdez presenta no FIOT, co seu grupo Triatreros, a peza de Santiago Cortegoso "Hámster"

Mércores 16 de outubro do 2013

O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, quixo subliñar a grande satisfacción que supón para o festival comezar a dar cabida a profesionais da vila, e que deron os seus primeiros pasos en grupos como Vagalume. Para Sueiro, Alba Bermúdez ten traballado moito polo festival, polo que agora é o FIOT quen lle ofrece a oportunidade de seguir medrando como actriz e de continuar a súa carreira. Tamén está seguro de que "dentro de dez anos, cando actúe en sitios importantes, teremos o orgullo de dicir que empezou con nós". Do mesmo xeito, a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, explica que está impaciente por "vela xa como profesional", despois de seguir a súa traxectoria dende os seus primeiros pasos no mundo do teatro. Así mesmo, desexoulle "moitos éxitos" e que "se acorde de nós cando acade a fama". Os interesados e interesadas en asistir a "Hámster" aínda poden adquirir as entradas (3 €) en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. A billeteira do Pazo da Cultura de Carballo está aberta de 19.30 a 21.00, antes do inicio da función. Así mesmo, hai que subliñar que membros de Triatreros manterán un encontro cos espectadores que así o desexen no ciclo "Café con..." o venres a partir das 19.00 horas antes do comezo da función. Precisamente Alba Bermúdez ten sido unha das voluntarias encargadas deste ciclo, e o venres 18 terá a oportunidade de poñerse na pel das compañías e responder ás preguntas dos espectadores.

Compartir: