Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Bolsa de Traballo Municipal imparte no...

ENTRE O 17 DE OUTUBRO E O 7 DE NOVEMBRO

A Bolsa de Traballo Municipal imparte no Fórum Carballo o curso "Xestión dun comercio" dirixido a persoas desempregadas

Xoves 17 de outubro do 2013

A Bolsa de Traballo Municipal está pensada para axudar ás persoas en situación de desemprego que desexen regresar ao mundo laboral, aos que busquen o seu primeiro emprego ou a quen desexen mellorar a súa situación laboral actual. O obxectivo prioritario desta Bolsa é o de realizar unha función de mediación, constituíndo unha ferramenta de conexión entre as demanda e as ofertas de emprego que se xeran na contorna do Concello. Esta ferramenta permite a divulgación de información en materia de emprego, recursos humanos e promoción económica, e contribúe á dinamización da actividade económica para incentivar a creación de emprego e a implantación de empresas no municipio. O proxecto tamén recolle a posibilidade de elaborar, de forma independente ou en colaboración con outros organismos, programas específicos que incidan no desenvolvemento local, establecer e afirmar contactos co sector empresarial da zona como estratexia facilitadora de acceso ao mercado de traballo ou mellorar a transparencia de información á cidadanía e redundar na igualdade de oportunidades.

Poden ser beneficiarios dos servizos desta Bolsa de Traballo tanto a poboación activa como os ofertantes de emprego: autónomos, empresas, entidades ou institucións que inicien procesos de selección de persoal. A inscrición dos demandantes, así como a xestión das ofertas, lévase a cabo a través do Servizo de Orientación Laboral do Concello. Pode contactarse co servizo no: Fórum Carballo, situado na Praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n; teléfono: 981 709 010; enderezo electrónico: bdt@carballo.org. O horario de inverno é de luns a venres de 8.30 a 14.30 horas. O servizo tamén está dispoñible nas redes sociais a través de Twitter en <@bdtcarballo>

Compartir: