Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT pasa o seu ecuador co tolo humor de Ron...

VENRES 18, SÁBADO 19 E DOMINGO 20 ÁS 21.00 HORAS

O FIOT pasa o seu ecuador co tolo humor de Ron Lalá, con Juan Diego Botto e coa posta de largo da carballesa Alba Bermúdez

Xoves 17 de outubro do 2013

Juan Diego Botto é o intérprete principal e autor do texto de "Un trozo invisible de este mundo" para o que se inspirou en experiencias reais vividas durante o seu traballo con ONGs. O equipo complétase coa co protagonista, a tamén cantante Astrid Jones, e con outro actor coñecido polas súas aparicións en cine e televisión, Sergio Peris-Mencheta, que nesta obra fai valer o seu talento como director e escenógrafo. Desde o humor, a ironía e o drama, cinco personaxes que buscan o seu lugar no mundo presentan historias que mesturan dous fenómenos que ás veces se confunden: a inmigración e o exilio, desde distintas perspectivas. Esta idea enlaza directamente co fío condutor desta 22ª edición do FIOT, as diferencias ou diversidades que existen entre as parellas presuntamente de iguais. O resultado é un espectáculo comprometido coa realidade, emotivo e fermoso que fuxe de tópicos. Producciones Cristina Rota é tamén unha importante escola de formación teatral e Teatro Español, un espazo de relevancia no ámbito nacional. O espectáculo, o domingo 20 de novembro, ten unha duración de 100 minutos e todas as entradas están esgotadas dende o primeiro día da súa posta á venda.

A compañía madrileña Ron Lalá regresa ao Outono de Teatro o sábado 19 cunha obra orixinal e única coa que están colleitando éxitos nos teatros de toda España: "Siglo de oro, Siglo de Ahora (Folía)". Entre outros premios, a obra valeulles ser finalistas ao Mellor Espectáculo Musical nos Premios Max ou recibir o Max 2013 á Mellor Productora Privada de Artes Escénicas. Ron Lalá estivo no FIOT en 2009 con "Mundo y final" e en 2011 con "Time al tiempo", nas dúas ocasións con cheo de público. Desta volta, como se dunha compañía de "cómicos da legua" se tratase, pero do século XXI, o elenco de Ron Lalá acampa no Pazo da Cultura para ofrecer a súa "folía" (unha tolemia). Son 90 minutos dunha viaxe de ida e volta desde o Século de Ouro e do teatro barroco, ata a actualidade: unha sátira da España a modo de festa cómico musical. "Siglo de Oro, Siglo de Ahora" é, ao fin, un xogo dirixido a todo tipo de públicos no que se mesturan varios estilos de música: española, flamenco, jazz ou rock con textos orixinais baixo a dirección de Yayo Cáceres. Puro estilo "ronlalero".

A actriz carballesa Alba Bermúdez estréase no FIOTO venres 18, o FIOT presenta o primeiro traballo profesional de Alba Bermúdez, actriz carballesa e voluntaria do Outono de Teatro desde a súa adolescencia. Bermúdez e o seu compañeiro David Novas, ambos recén licenciados pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), escolleron o texto do autor galego Santiago Cortegoso como proxecto de fin de carreira converténdoo despois nun traballo para o público da compañía Triatreros, con Fran Paredes en la dirección. "Hámster" (100 minutos, maiores de 14 anos) é unha metáfora sobre as contradicións do ser humano e das súas decisións. Os actores, convertidos nunha parella de "ratos", engaiolados, xeran empatía co público que os observa, mentres presentan con humor temas como o sometemento, a sexualidade, a escravitude ou a liberdade. As entradas para "Hámster" (3 €) aínda se poden comprar en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. A billeteira do Pazo da Cultura de Carballo está aberta de cotío de 19.30 a 21.00 horas, antes do inicio da función.

No que respecta ás actividades paralelas, como xa é habitual retómanse as citas cos obradoiros do "Café con...". A primeira é con Triatreros Teatro o venres 18 ás 19.00 horas e o sábado 19, con Ron Lalá ás 19.30 horas. Ambas no Pazo da Cultura, na sala de televisión a carón da cafetaría. Por segunda fin de semana consecutiva o FIOT tamén vive co teatro de rúa. A actuación do clown e malabarista arxentino Ale Risorio pon nesta edición o acento internacional ao FIOT xunto coa compañía chilena La Mona Ilustre (domingo 27). O sábado 19 de outubro presenta na Praza do Concello e nas rúas do centro de Carballo, a partir das 13.00 horas, un espectáculo cheo de moito humor no que interacciona co público con sorprendentes situacións cómicas. Por último, esta fin de semana os quince locais de hostalaría de Carballo que participan na ruta gastronómica "Dálle un bocado ao FIOT" ofrecen o sábado 19 e o domingo 20 a súa oferta de almorzos, tapas, menús de xantar e cea ou racións inspiradas no Outono de Teatro.

Compartir: