Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT outorga o Xograr de Outono 2013 ao...

ENTREGA DO GALARDÓN: SÁBADO 26 DE OUTUBRO NO AUDITORIO

O FIOT outorga o Xograr de Outono 2013 ao coñecido actor Xosé Manuel Olveira ´Pico´ a título póstumo

Luns 21 de outubro do 2013

Xosé Manuel Olveira ´Pico´ (Muros, 1955 - Santiago, 13 de xuño de 2013) actuou en varias ocasións no marco do FIOT. A última en 2011, con "O Florido Pénsil; e antes, con "Noite de reis", do Centro Dramático Galego, Premio do Público ese mesmo 2007, entre outras. O actor tamén estivo presente en numerosos eventos da programación cultural do Concello de Carballo. Na súa faceta de actor teatral, que iniciou en 1972, foi protagonista de obras tan diversas como a adaptación de "Doentes" de Roberto Vidal Bolaño que dirixiu Gustavo Balza, ou o "Ricardo III" do Centro Dramático Galego. Tamén deixou tras de si unha longa traxectoria en cine e televisión. Participou como actor nalgunha das series de televisión máis exitosas de Galicia. Entrou nos fogares de miles de galegos en 1998, da man de Don Amancio, o párroco de Portozás, en "Mareas Vivas". Anos despois, acompañou a Ernesto Chao nas mil e unha aventuras da serie "Pratos Combinados". Tamén interpretou ao Bispo en "Padre Casares" e un dos seus últimos papeis foi na serie "Matalobos", onde daba vida a un xuíz. No panorama nacional participou en episodios de "Hospital Centra"l, "Cuéntame cómo pasó" ou "Piratas". Na súa faceta humorística, que tamén marcou boa parte da súa carreira, colaborou en espazos como "Air Galicia".

No cine debutou da man de Chano Piñeiro en "Eu, o tolo", que contaría máis tarde con el para a súa película máis importante, "Sempre Xonxa". Ao longo da súa carreira apareceu en máis de trinta curtametraxes e películas. Entre estas últimas, "A lingua das bolboretas" (1999), de José Luis Cuerda; "Cuando vuelvas a mi lado" (1999), de Gracia Querejeta; "O lapis do carpinteiro" (2002), de Antón Reixa; "Mar Adentro" (2004), de Alejandro Amenábar; ou "Celda 211" (2009), de Daniel Monzón. Un dos seus últimos traballos foi "Somos xente honrada", do galego Alejandro Marzoa. Durante a súa intensa traxectoria, Xosé Manuel Olveira foi recoñecido en numerosas ocasións con galardóns ao seu traballo, aos que agora se suma, a título póstumo, o Xograr de Outono 2013. En concreto, recibiu en catro ocasións premios María Casares, así como o Maruxa Villanueva de Teatro no ano 2009. Entre 2009 e 2011 desempeñou tamén o cargo de presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Compartir: