Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobados os contratos para a conservación...

LUZ VERDE PARA AS BASES DAS AXUDAS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS

Aprobados os contratos para a conservación do pavimento de rúas no casco urbano e o rebacheo de vías en varias parroquias

Luns 21 de outubro do 2013

Poderán solicitar estas subvencións as entidades xuridicamente constituídas que estean rexistradas no Concello de Carballo e que cumpran os seguintes requisitos: que as actividades programadas non persigan ánimo de lucro; que o ámbito de actuación sexa o termo municipal de Carballo; que teñan a súa sede social no municipio e que realicen de cotío actividades culturais; e non ter pendente de xustificar ningunha subvención ou axuda económica co Concello. As axudas poderán destinarse á organización e realización de programas ou actividades culturais, así como ao mantemento ou xestión da asociación ou dos seus locais sociais. Exclúense da convocatoria as festas populares. O prazo para solicitar estas axudas será de 15 días naturais a partir da publicación das bases na prensa local. Dentro da orde do día, a Xunta de Goberno incluíu a aprobación das bases específicas e convocatoria para cubrir en propiedade dúas prazas de oficial da Policía Local incluídas na Oferta de Emprego Público do Concello de Carballo para 2013. Trátase dun concurso oposición de acceso mediante promoción interna. Poden consultarse clicando aquí.

No apartado de convenios, saíron adiante dous acordos de colaboración. O primeiro é entre o Concello de Carballo e a Mesa pola Normalización Lingüística para o fomento do uso do galego e ten carácter bianual. Entre os compromisos da mesa están o de realizar unha auditoría dos sinais públicos do Concello de Carballo para localizar aqueles que non estean en galego ou conteñan erros lingüísticos; desenvolver a gravación, edición e difusión dun vídeo musical cunha canción atractiva en galego para celebrar os aniversarios das persoas, nomeadamente nenos e nenas; e organizar en Carballo a entrega dunha das edicións do premio empresarial Abertos ao galego. O segundo é un Convenio de colaboración entre a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí "Vacacións en paz" 2014. Por este acordo, ofréceselle aos nenos e nenas saharauís, nados nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer formas distintas de vida, ademais de contribuír así á súa formación e á mellora do entendemento entre os pobos de España e o pobo saharauí a través de estadías en Carballo durante o verán en familias de acollida.

Compartir: