Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT entra na súa recta final con tres...

ESTREA EN ESPAÑA DE "DISTANCIA SIETE MINUTOS" DE TITZINA TEATRO

O FIOT entra na súa recta final con tres funcións de sala, o peche do ciclo OTNI e a entrega do Xograr de Outuno

Xoves 24 de outubro do 2013

Os seus traballos anteriores ("Folie a deux", "Entrañas" e "Exitus") convertéronse en grandes éxitos de público e de crítica que xiraron en todos os circuítos teatrais de España e países como EEUU, Portugal, Arxentina ou Francia e tamén xa por tres veces polo escenario carballés. Froito dos lazos e da confianza xurdida entre Titzina e o FIOT, a compañía catalana apostou por realizar en Carballo, no marco desta 22 edición do Festival, a estrea nacional da súa nova creación. O "Café con ..." Titzina Teatre está previsto para o xoves 24 ás 20.00 horas. Esta fin de semana inclúe tamén o acto de entrega do Xograr de Outono 2013 a Xosé Manuel Olveira "Pico" a título póstumo. A cita terá lugar, como vén sendo habitual, antes do inicio da función de sala dese día, ás 21.00 horas. Ao evento está prevista a asistencia da familia do homenaxeado, así como xograres de edicións anteriores e personalidades do mundo da cultura.

Teatro do Aquí, a compañía que fundou Roberto Vidal Bolaño - primeiro Xograr de Outono en 2002- e agora dirixida pola súa viúva Belén Quintáns, representará en Carballo "Criaturas" (na imaxe). Esta obra volveuse poñer en escena este ano coincidindo cos actos de lembranza e recuperación do legado do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2013. Este emblemático espectáculo, concibido case na súa totalidade por Vidal Bolaño e que conta co mesmo equipo de sempre, foi Premio Eixo Atlántico 1999, María Casares 2000 ao mellor texto orixinal e Premio Max 2001 para textos en galego. O Café con... coa compañía terá lugar o sábado 26 ás 19.00h. Pola súa parte, a organización do FIOT tamén quere render a súa particular homenaxe ao dramaturgo cunha serie de actos que terán lugar o sábado 26. O programa detallado dos mesmos comunicarse en próximos días.

Para pechar a fin de semana, o domingo 27 compañía chilena La Mona Ilustre pon o acento internacional á edición deste ano con "Las cosas también tienen mamá" na que catro actrices -só mulleres-, bonecos e marionetas desvelan ao ser humano nas súas diferentes dimensións. As tres figuras -dirixidas por un español, Miguel Bregante- altérnanse para evocar ou narrar o enigmático e poético relato da protagonista, Juliette, que tras vinte anos de ausencia regresa á súa casa. O espectáculo, a primera creación de La Mona caracterízase por unha posta en escena coidada, artesanal e fermosa. A exitosa mestura levounos a un xira internacional. Os actores manterán un encontro co público durante o "Café con…" o domingo 27 ás 19.30 horas. As entradas para "Sé de un lugar..." (3 €) e "Las cosas también tienen mamá" (6 €) aínda se poden comprar a través do sistema de televenta de Servinova na web <www.servinova.com> ou no 902 504 500. As entradas para "Criaturas" e "Distancia siete minutos" están esgotadas desde principios de outubro. A billeteira do Pazo estará aberta de 19.30 a 21.00 horas.

Ademais, e no marco das actividades paralelas, uns 150 mozos e mozas de asociacións e centros escolares de primaria e secundaria da comarca de Bergantiños, divididos en 20 grupos, participan no XIII Concurso de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. As primeiras representacións xa se están emitindo en Radio Voz Carballo. A final terá lugar o domingo 3 de novembro (18.00 horas). Entre os gañadores repartiranse premios por valor de 850€.

Compartir: