Inicio Carballo ao día Hemeroteca Senda Nova organiza o II Outono en marcha con...

PERCORRIDOS ENTRE O 27 DE OUTUBRO E O 15 DE DECEMBRO

Senda Nova organiza o II Outono en marcha con dúas novas rutas e coa mesma arela de dar a coñecer a comarca

Venres 25 de outubro do 2013

A organización encargáse do transporte dos participantes dende os lugares de saída até os sitios de comezo da marcha. Todos os roteiros son de xornada completa e adoitan acudir tanto expertos na comarca bergantiñá como xente da zona polas que discorren para explicar os detalles de cada espazo que se vai visitando. Así mesmo, a organización recomenda levar calzado (a poder ser impermeable) e roupa axeitada, mochila, impermeable, navalla e gorra, facendo Senda Nova especial fincapé, polas datas destas rutas, na roupa impermeable. Así mesmo, a organización prega puntualidade, espírito de convivencia e que se respecten as normas da organización e de Protección Civil, que acompaña aos participantes en cada saída. Respecto do calendario de rutas polo miúdo, as súas características son as seguintes:

  • Coristanco histórico: 27 de outubro. Transcorre polo Concello de Coristanco e percorre aproximadamente 21 quilómetros, cunha dificultade media. Neste unico caso, e por proximidade xeográfica, a saída dende o Concello de Coristanco farase ás 8.30 e non ás 8.00 horas como é o habitual.
  • Razo-Baldaio para protexer: 3 de novembro. Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, este percorrido realízase en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media-baixa.
  • Ruta das Férvedas: 10 de novembro. Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel. A distancia é de 15 quilómetros.
  • Terras do Marqués: 24 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas. Distancia: 14 quilómetros.
  • Tras as pegadas do wolframio: 1 de decembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros
  • Ríos de Sofán: 8 de decembro. Transcorre polo Concello de Carballo e conta cunha distancia aproximada de 18 quilómetros e dificultade media.
  • Camiño dos Faros: 15 de decembro. A segunda edición do Outono en marcha péchase cunha ruta que transcorre fundamentalmente pola costa, por Arou e Camariñas e que conta cunha distancia aproximada de 23 quilómetros e dificultade media-baixa.

Os interesados/as poden descargar un tríptico con información das rutas e do programa nesta mesma nova nun documento en pdf. Tamén pode obterse máis información en <www.sendanova.org> ou no enderezo electrónico <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 696 155 232.

Compartir: