Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno de outubro inclúe a...

SIGUE ADIANTE O PROCESO DE CONTRATACIÓN DA XESTIÓN ENERXÉTICA

O pleno de outubro inclúe a modificación das taxas de saneamento e abastecemento de augas e a renuncia como edil de Alberto Sueiro

Venres 25 de outubro do 2013

Ademais, prodúcese unha modificación do artigo 7 da normativa no que respecta ao devengo. Así, "considerarase que comeza a prestación do servizo que da orixe ao nacemento da obriga de contribuír, entre outras, cando se formule a solicitude, ou dende que teña lugar a acometida efectiva se se levase a cabo sen autorización, ou cando se estea en disposición de recibir o servizo nos termos sinalados na ordenanza e non se solicite o preceptivo enganche". No que respecta á Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento, coa suba a cota será de 4,05 euros ao trimestre, e de 0,4108 € por metro cúbico para o consumo en 2014. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, aproveitaron esta modificación na ordenanza para explicar que durante estes días os veciños e veciñas do medio rural do municipio están recibindo notificacións para actualizar os seus datos e cursar a súa alta no padrón con motivo da taxa de sumidoiros e tamén se están tramitando as alegacións daqueles cidadáns que non estean conformes coa nova situación. Luís Lamas subliña que "non se lle cobrará a quen non teña o servizo" e que polo de agora o único que se está realizando é unha campaña para actualizar o padrón e poder realizar os enganches.

O Alcalde, Evencio Ferrero, explica que do servizo deben de formar parte todas as vivendas do rural, especialmente para corrixir unha situación de "inxustiza", xa que os veciños e veciñas do casco urbano levan xa moitos anos abonando o servizo. Hai que lembrar, que en breves Aquagest asumirá a xestión de toda a rede de depuración, tanto no urbano coma no rural, e que a empresa ten que saber cantos fogares terán o servizo, de aí as notificacións que se están realizando. Tamén subliña que dende 2004 os veciños contribúen ás arcas municipais con aproximadamente 220.000 euros anuais pola prestación do servizo, mentres que unha vez que se incorpore o rural estes ingresos baixarán en 160.000 euros. Ferrero subliña que o máis lóxico é realizar una regulación para que todos os veciños e veciñas abonen polo servizo, e non só os do caso urbano. Por último, Lamas insiste en que todos os interesados e interesadas en alegar ou reclamar sobre a medida, ben porque xa están dados de alta, porque o inmoble está en estado ruinoso, ou por outros múltiples motivos, poden acudir ao Concello onde se estudará a súa situación e se lles axudará a tramitar a reclamación.

Comparecencia pola mina de Corcoesto

A orde do día da sesión de outubro, que ten lugar o luns 28 a partir das 20.30 horas, tamén supón a dación de conta dun decreto do 16 de outubro no que se ratifica a desestimación dun recurso especial sobre a "Contratación de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo". Así, nestes momentos está aberto un procedemento para contratar a xestión dos servizos enerxéticos e de alumeado do Concello de Carballo por un importe de 9.960.000 euros e un período de 12 anos. Unha das empresas que optaba á concesión tiña presentado unha alegación que queda oficialmente desestimada polo que se continuará co proceso de contratación coa presenta de dous licitadores. Agora serán os técnicos quen determinen cal é a oferta máis proveitosa. O obxectivo é que a resolución estea lista para someterse ao ditame do pleno de novembro. No apartado de mocións, Terra Galega presenta unha na que solicita que o pleno carballés inste ao goberno da Xunta para que á súa vez inste ao do Estado "para incluír no programa de contidos obrigatorios de Educación Primaria e Secundaria os coñecementos de primeiros auxilios, seguridade viaria, auto protección e emerxencias".

No apartado de seguimento de órganos de alcaldía, como cada trimestre, dáse conta co Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de xullo que modifica a Lei 3/2004 do 29 de decembro, de loita contra a morosidade. No terceiro trimestre do ano o Concello de Carballo pagou 1.141 facturas por 1.661.792,59 euros cun período medio de pago de 12,58 días. Fóra do prazo legal de 30 días rexistráronse 46 facturas por 132.389,44 euros, excedéndose o prazo en 13,43 días. Pendentes de abono hai rexistradas dúas operacións porque excedeuse o período de pagamento en dous días. O pleno tamén dá conta do Informe do Marco Orzamentario pola que se reservan as obrigas de subministro de información de Estabilidade Presupostaria e Sostenibilidade Financeira. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre este documento, poden clicar aquí. Para rematar a sesión, e en cumprimento do artigo 25 do Regulamento municipal de Participación Cidadá, está prevista a comparecencia da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, en contra da mina de ouro a ceo aberto. Terán o uso da palabra durante 10 minutos coas intervencións de Raquel Bello Varela e Roi Veres Martínez.

Compartir: