Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT prepara as súas dúas...

XA NON HAI ENTRADAS PARA "MARIDOS Y MUJERES" E "EMILIA"

O FIOT prepara as súas dúas últimas funcións despois dun dos momentos máis emotivos coa entrega do Xograr de Outono

Luns 28 de outubro do 2013

Para Mosqueira, Xosé Manuel Olveira, durante toda a súa carreira, "foi un tipo totalmente crible en teatro e en televisión", un actor "capaz de chorar e rir no escenario" cunha facilidade pasmosa. Quixo recordar que no seu carácter non esta o de que lle gustase que falasen tanto del e rematou mencionando tamén a Vidal Bolaño, porque "seica vas montar unha obra con Roberto", onde sexa que estean. Todo para recoñecer a traxectoria dun actor presente en varias ocasións no FIOT. A última en 2011, con "O Florido Pénsil; e antes, con "Noite de reis", do Centro Dramático Galego, Premio do Público ese mesmo 2007, entre outras. O actor tamén estivo presente en numerosos eventos da programación cultural do Concello de Carballo, como nos Venres Culturais con "Aeroplanos" acompañado por Ernesto Chao. Na súa faceta de actor teatral, que iniciou en 1972, foi protagonista de obras tan diversas como a adaptación de "Doentes" de Roberto Vidal Bolaño que dirixiu Gustavo Balza, ou o "Ricardo III" do Centro Dramático Galego. Tamén deixou tras de si unha longa traxectoria en cine e televisión e participando como actor nalgunha das series de televisión máis exitosas de Galicia. Para el, a agarimosa lembranza do FIOT e o aplauso de todo o auditorio.

"Maridos y mujeres" e "Emilia" como peche do FIOT 2013Pero despois dunha intensa fin de semana con catro representacións e numerosos actos, o FIOT está a piques de rematar por todo o alto, con dúas estreas en Galicia para as que as entradas están esgotadas dende o primeiro día da súa posta á venda. Así, o intenso mes de programación pecha esta semana con dous broches de ouro. Teatro de la Abadía e a organización do FIOT conseguiron coordinar axendas para que o martes 29 de outubro, a compañía estea presente no Festival cunha das súas últimas producións propias en xira nestes momentos, "Maridos y Mujeres". Dous días despois, o venres 31, as funcións de sala baixarán o telón con "Emilia", de Producciones Teatrales Contemporáneas, con texto e dirección de Claudio Tolcachir.

Respecto de "Maridos y mujeres", o reparto está integrado por actores habituais de La Abadía que tamén traballan con outras produtoras e son coñecidos de películas e televisión. O texto, baseado no brillante guión do mesmo título do cineasta Woody Allen, foi adaptado por primeira vez ao teatro por un dos directores españois máis internacionais, Álex Rigola, tamén realizador desta obra. Rigola é ex director do Teatro Lliure e actualmente responsable da sección teatral da Bienal de Venecia. A comedia "Maridos y mujeres" é un retrato obsceno das relacións de parella que utiliza o humor para cuestionar o amor e os conflitos entre dous. "O pracer intelixente" é a consigna de Teatro de La Abadía, centro de estudos e creación escénica da Comunidad de Madrid, e un referente teatral. Foi fundado en 1995 por José Luis Gómez e realiza unha extensa labor de produción na que participan importantes directores españois e estranxeiros, e mantén unha ampla presenza internacional.

E Claudio Tolcachir, un dos grandes directores de teatro arxentinos, trae ao Outono de Teatro un espectáculo recentemente estreado en España, "Emilia", tras un grande éxito na súa terra natal. No elenco español están intérpretes de longa traxectoria e tamén recoñecidos pola súa participación en cine e TV: Malena Alterio, Gloria Muñoz, Alfonso Lara, Daniel Grao e David Castillo. Os cinco levan a escena unha historia sobre a familia, unha temática que Tolcachir toca con xenialidade absoluta e neste caso, inspirada nun feito casual que a el lle aconteceu. "Emilia" conta a historia de Walter, un home atormentado por unha infancia de sufrimento na que só contou co afecto da súa coidadora. Agora ten a súa propia familia, pero o costume, a conveniencia, a culpa, o cansazo, o medo á soidade tómanlle o pulso á súa existencia. A obra cuestiona os vínculos afectivos entre as persoas, a solidariedade e a necesidade de dar afecto, pero tamén de recibilo con ou sen contraprestación.

Compartir: