Inicio Carballo ao día Hemeroteca Parroquia, funerarias e cidadanía asumen o...

O OBXECTIVO É VISIBILIZAR O IDIOMA NO MOMENTO DO PASAMENTO

Parroquia, funerarias e cidadanía asumen o compromiso "Galeg@s para sempre" para poder ser lembrados en galego

Xoves 31 de outubro do 2013

O acto tamén serviu como adhesión simbólica do Concello á declaración do Día da restauración da memoria lingüística, promovida pola Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística. Esta declaración vén de ser aprobada e asinada recentemente en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, por todas as organizacións políticas galegas (BNG, PP, PSdeG, Anova, Compromiso por Galicia e Esquerda Unida). No nome da Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística falou Xaquín Monteagudo, que reflexionou sobre a "carreira de obstáculos" que ten que vivir o idioma en moitos ámbitos, e especialmente no dos pasamentos. Así, na actualidade, a presenza do galego despois da morte é moito inferior que na vida. Quen visite un cemiterio do noso país podería pensar que o galego non existe, pois alí a súa presenza é practicamente nula. Mentres nas "parroquias d@s viv@s" a maioría da xente se relaciona en lingua galega, só unha de cada mil lápidas das "parroquias d@s mort@s", dos cemiterios está en galego, e tan só un 2 por cento das notas necrolóxicas dos xornais.

Por tanto, o obxectivo deste acto promovido polo concello carballés é fomentar o galego nas cuestións relacionadas coa morte, visibilizando a lingua como factor principal da galeguidade e procurando que persoas que con frecuencia usan, viven, queren e/ou se identifican coa lingua galega, poidan ser lembradas en galego despois do seu pasamento. Deste xeito, cómpre dar pasos para que, tamén despois da morte, o maior patrimonio común de todas as galegas e galegos, teña presenza, sexa visible, exista. Dar pasos para que, quen en vida usou o galego, sexa lembrado/a nesta lingua. Dar pasos para podermos ser galeg@s para sempre. Os interesados e interesadas poden descargar o texto ao completo da declaración realizada pola parroquia e do compromiso subscrito polas funerarias en sendos documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: