Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo pon en marcha unha Aula de Gravado...

AS INSCRICIÓNS PODEN FORMALIZARSE ENTRE O 5 E O 11 DE NOVEMBRO

Carballo pon en marcha unha Aula de Gravado gratuíta coa colaboración do artista Manuel Facal nas instalacións do Fórum

Luns 4 de novembro do 2013

O horario previsto é de tres días á semana pola tarde, de 19.00 a 21.30 horas, aínda que é posible adaptar este horario dependendo das necesidades das persoas que finalmente se anoten e escoitando as súas suxestións. O obxectivo é crear dous grupos de traballo dun máximo de dez persoas e a admisión realizarase, en primeiro lugar, atendendo á formación artística do solicitante, xa que non se trata de ofrecer un pasatempo, senón unha unha oportunidade creativa para artistas tanto noveles como cunha recoñecida traxectoria. En caso de moita demanda, atenderase tamén a orde de inscrición. Está previsto que as primeiras sesións formativas teñan lugar a partir do 19 de novembro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere agradecer a colaboración de Manuel Facal Ponte por "achegar a este pobo as súas capacidades" non só como artista, despois de doazóns como as esculturas "Escalo" e "Peixe" para dúas glorietas do municipio, ou a serigrafía "Grama", unha obra súa dos anos 70 que permanecerá no Fórum Carballo; senón tamén como mestre a través desta Aula. Ferrero explica que este taller "era unha aspiración do Concello dende hai tempo", e que leva xerándose a través de contactos e de visitas como a realizada ao CIEC de Betanzos o pasado verán. Así mesmo, o Alcalde manifestou o desexo, tanto de Facal Ponte, como do propio Concello de que esta iniciativa, en principio dun máximo de dous meses de duración, sirva para "continuar co legado" do artista e teña continuidade no tempo.

Compartir: