Inicio Carballo ao día Hemeroteca A colaboración entre os concellos de...

O DIRECTOR XERAL DE INDUSTRIA COMPROBOU A MARCHA DOS TRABALLOS

A colaboración entre os concellos de Carballo e A Laracha favorece a mellora dos accesos ao Parque Empresarial do municipio veciño

Venres 8 de novembro do 2013

Está previsto que os traballos estean finalizados en prazo e ao longo deste mes de novembro, segundo explicou o responsable da obra, que está sendo executada por Construcciones López Cao. Dende a empresa esperan que as boas previsións meteorolóxicas para os próximos días lle dean á execución o pulo definitivo e o parque empresarial termine por conectarse con estes novos accesos coa estrada Carballo-Caión. Ángel Bernardo Tahoces quixo subliñar especialmente a colaboración dos dous concellos implicados para realizar un proxecto conxunto que, ademais de ser "moi beneficioso para o polígono larachés, tamén o é para unha serie de núcleos do Concello de Carballo, cuxos veciños contarán con maior mobilidade". O Director Xeral de Industria tamén manifestou que as dúas administracións locais teñen a vontade de "repetir a experiencia no futuro" e probablemente en 2014 aproveiten de novo as axudas da Consellería de Industria para seguir afondando nas melloras do parque empresarial e tamén no alumeado público.

Tahoces fixo especial fincapé na necesidade de afondar na "eficiencia e aforro enerxético" e anunciou que para 2014 incrementaranse nun millón de euros as axudas destinadas á mellora do alumeado público exterior. Así mesmo, unha orde rexerá a convocatoria de axudas para mellorar os parques empresariais, especialmente en aspectos como a xestión de residuos, a depuración de augas, a eficiencia enerxética e a seguridade, recollendo medidas como a televixilancia. Segundo Tahoces, o obxectivo é conseguir un chan industrial "cada vez máis atractivo, seguro e sostible" ademais de "enerxeticamente eficiente", o que unido a un "prezo razoable do solo" actúe "como sinal para que o tecido empresarial poña a Galicia na súa axenda".

Compartir: