Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presenta un orzamento de 23...

MÁIS DE 4,8 MILLÓNS DESTÍNANSE A INVESTIMENTOS REAIS

Carballo presenta un orzamento de 23 millóns de euros para 2014 centrado en "continuar pola senda da estabilidade e o crecemento"

Venres 15 de novembro do 2013

Analizando as contas un pouco máis polo miúdo, no capítulo de gastos Lendoiro subliña que o incremento dun 7,03 por cento respecto do orzamento de 2013 amosa a vontade do goberno local de seguir ofrecendo aos veciños e veciñas novos servizos e mantendo o obxectivo de contribuír á dinamización económica. Así, está previsto destinar 1.028.063 euros a acción e promoción social. Incrementaranse nun 20 por cento as axudas sociais cun total de 60.000 euros; e nun 43 por cento as bolsas de estudo e transporte ata chegarse aos 50.000 euros. Así mesmo, increméntanse as subvencións destinadas a entidades sociais, culturais e deportivas do municipio. Outra das patas principais dos orzamentos de 2014 son a formación e o emprego. En concreto, destinaranse 552.865,76 euros en exclusiva para un programa de fomento do emprego, dos que 130.000 serán achegados unicamente por fondos municipais. E a terceira pata, xunto co benestar e o emprego é a dinamización económica, que contará con 353.939 euros nas partidas orzamentarias. Ademais, afondarase na consolidación da actividade no Fórum Carballo e porase en marcha en 2014 a nova Biblioteca con 15.000 euros destinados á dotación de libros e material para o novo edificio.

No apartado de investimentos reais, os 4.845.000 euros destinados a este capítulo supoñen o 20,81 por cento do total do orzamento, sendo a iniciativa máis importante o Proxecto Anllóns-Bardoso de saneamento e abastecemento de auga. Esta actuación, cofinanciada por fondos europeos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), contará cun investimento de 2.745.742,76 euros en 2014, dos que 823.722,78 euros serán achegados polo Concello. Ademais, o Plan de Obras e Servizos e o Plan DTC da Deputación suporán 1.164.157,83 euros en mellora de vías no medio rural. O Alcalde subliña que por primeira vez dende hai dous exercicios, o Concello destinará a achega íntegra dos plans da Deputación a melloras e actuacións, sen reservar ningunha cantidade para gasto corrente, unha medida permitida polo organismo provincial por mor da crise. Seguindo coa relación de investimentos, hai que resaltar a dotación de 150.000 euros para unha nova caldeira na Piscina Vila de Noia seguindo coa liña de aforro enerxético; ou a adquisición dun novo camión para a Brigada de Obras.

Por último, o capítulo de gastos tamén reflicte o gasto de persoal e os gastos correntes. No primeiro caso hai un descenso de 57.722 euros, en parte pola reorganización do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida) por parte da Dirección Xeral de Emerxencias que o ten centralizado en Ponteceso; e en parte pola adxudicación a unha empresa do contrato de limpeza dos colexios, que liberou parte do persoal municipal. No que respecta aos gastos correntes, vense incrementados debido á actualización do IPC nun 1,2 por cento, que se reflicte en todos os servizos. Pero sobre todo e especialmente polo incremento do canon de Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente) que suporá 204.000 euros máis para as arcas municipais. Así mesmo, está prevista unha nova suba da enerxía eléctrica para 2014, outro dos factores que se tiveron en conta no incremento dos gastos correntes. Ademais, hai que lembrar que unha das novidades dos orzamentos de 2014 é a incorporación do presuposto do Padroado Deportivo Municipal, organismo que desaparece en 2014, polo que os seus gastos e ingresos pasan a formar parte das contas municipais, incluídos os gastos correntes e de persoal.

Prudencia e realismo nos ingresos

A Concelleira de Facenda tamén quixo explicar os criterios seguidos no apartado de ingresos. Céntranse sobre todo "na prudencia na previsión" e no "rigoroso realismo", mantendo uns cálculos moderados en todos os apartados. Especialmente nalgúns como o ICIO (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) -no capítulo 2 de impostos indirectos-, que reduce a cantidade prevista nun 50 por cento respecto do 2013, chegando tan só aos 50.000 euros. Segundo subliña Lendoiro, son criterios que veñen "marcados dende os propios servizos económicos", e que seguen a liña de contención marcada dende o goberno. Respecto doutros apartados, no capítulo 3 de taxas, prezos públicos e outros ingresos a previsión é de 4.494.210 euros, mentres que as transferencias correntes previstas ascenden a 8.303.509,22 euros. Así mesmo, o Alcalde, Evencio Ferrero, quixo resaltar algúns dos índices económicos do Concello, salientando que "séguese a rebaixar a carga financeira", unha tendencia que continúa ata 2015. Ademais de que a débeda viva é inferior ao 6 por cento, os índices de aforro melloran respecto de 2013, sendo o neto do 28,16 por cento; mentres que o aforro bruto é dun 31,81 por cento. Por último, o Alcalde quixo subliñar o grao de liquidez do Concello, do 9,85 por cento, moi superior ao mínimo recomendable do 1,5 por cen; así como a media nos prazos de pago de facturas, de aproximadamente 13 días. Todos os datos indican que "Carballo amosa unha moi boa saúde financeira", segundo Ferrero.

Os interesados e interesadas poden consultar as cifras concretas dos capítulos de gastos e ingresos en dous documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: