Inicio Carballo ao día Hemeroteca A iniciativa "Pintamos moito" pretende...

INTERESAD@S EN PARTICIPAR CONTACTAR COA ASOCIACIÓN SENDA NOVA

A iniciativa "Pintamos moito" pretende cambiar a faciana do casco urbano carballés coa colaboración de artistas locais

Sábado 16 de novembro do 2013

Os artistas locais que están implicados na iniciativa son Milagros Cotelo, Cristina Castro, Mon Lendoiro, Antonio Reino, Isa Fernández, Santiago Picos e O'Mighelo. Este último expresou a vontade de todos eles de deixar que sexan os cativos e cativas os protagonistas e os que deixen voar a súa imaxinación para que dentro dun tempo poidan dicir "este cachiño de rúa perténceme". Para O'Mighelo, a iniciativa contribuirá a mellorar "moitos muros e paredes deteriorados" e que poden tomar nova vida a través da iniciativa. Senda Nova tamén quixo expresar o seu agradecemento aos establecementos de decoración da vila que achegarán o material necesario, como son Pinturas Kromo, Arco Iris, Bricocar e Ibersa. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, valedor da iniciativa dende o Concello, quixo subliñar que o proxecto une dúas potencialidades importantes coas que conta Carballo, como son a presenza de moitos nenos e nenas, e a creatividade da cidadanía. Para Regueira, estas fortalezas deben aproveitarse para contribuír a impulsar o tecido comercial e empresarial, no marco dun Carballo no que os elementos artísticos tamén estean na rúa porque "unha sociedade que valora a arte é mellor e máis humana".

Regueira tamén quixo lembrar que o Concello está traballando nestes momentos nun proxecto a maior escala para mellorar a faciana da capital municipal, neste caso coa colaboración de artistas locais, pero tamén internacionais, polo que esta proposta foi acollida con ledicia por parte da administración local dende o primeiro momento, xa que encaixa perfectamente nas liñas de actuación do departamento que dirixe. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén presente na posta de largo da iniciativa, lembrou que "Carballo témolo que facer entre todos" e que "Pintamos moito" é "un bo exemplo de que entre todos podemos traballar na sociedade na que temos que vivir". Tamén espera que todos os implicados poidan expresar as súas ideas e, despois de manifestar o seu agradecemento a Senda Nova, desexou que"o que nace hoxe aquí teña un longo percorrido".

Compartir: