Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum Carballo acollerá a partir...

ASINADO UN CONVENIO COA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA

O Fórum Carballo acollerá a partir de xaneiro a Oficina de Emprego e a Oficina Agraria Comarcal da Xunta de Galicia

Luns 18 de novembro do 2013

Segundo o acordo asinado en Carballo, o Concello fai unha cesión demanial á Xunta por vinte e cinco anos de 890 metros cadrados correspondentes á planta baixa e ao primeiro andar da nave 2. Ademais, tamén se permite a utilización dos diversos espazos comúns para o desenvolvemento de diversas actividades como actos, exposicións, obradoiros, etc. O uso será de balde para a administración autonómica, que tan só deberá achegar os gastos derivados de limpeza e mantemento das instalacións, así como auga, electricidade e saneamentos, o que suporá un aforro considerable para a Xunta, que nestes momentos inviste arredor de 45.000 euros anuais no pagamento de alugueres en locais para as oficinas destas tres consellerías en distintos puntos da capital municipal carballesa. O traslado, ademais de supoñer un aforro para a administración autonómica será tamén unha vantaxe para os veciños e veciñas, que terán no mesmo edificio o servizo local de promoción do emprego -coa Bolsa de Traballo Municipal (BDT)- e a oficina autonómica da mesma área. Durante o acto, o Conselleiro de Presidencia tamén destacou a aposta do Goberno galego pola cooperación entre administracións, que permite reducir custes e aumentar a eficiencia dos servizos públicos que reciben os cidadáns, que son os grandes beneficiados desta suma de esforzos. Ferrero, á súa vez, amosouse "encantado de que o convenio se formalice", contribuíndo a que o Fórum sexa "un espazo de referencia".

No acto de sinatura, ademais de Alfonso Rueda e Evencio Ferrero, estiveron presentes a delegada territorial da Xunta de Galicia Belén Docampo, que será a encargada de coordinar o traslado; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; e os líderes de todos os grupos políticos municipais como son Miguel Ferreiro polo PP, Manuel Andrade por TEGA e José Antonio Viña polo PSOE. Tamén estivo presente o deputado e concelleiro do PP en Carballo Aurelio Núñez Centeno.

Compartir: