Inicio Carballo ao día Hemeroteca A mostra "Mulleres de vida alegre?"...

NA SALA DE EXPOSICIÓNS DO ANDAR -1 ATÉ O 29 DE NOVEMBRO

A mostra "Mulleres de vida alegre?" permanece no Pazo da Cultura de Carballo para denunciar a explotación sexual

Martes 19 de novembro do 2013

O autor das fotografías, Salvador Campillo, destaca o testemuño que acompaña ás imaxes das catro mulleres prostituídas que aparecen a mostra: "As historias de vida de María José, Andrea, Puri e Hellen ilustran as situacións que viven estas mulleres día a día así como as causas e as consecuencias que ten sobre elas o exercicio da prostitución". A exposición "Mulleres de vida alegre?" está incluída dentro dos actos conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Así, hai que subliñar que arredor de 400.000 mulleres son prostituídas en España, das cales o 90 por cento son inmigrantes procedentes de países pobres. Aínda que non se dispoñen de datos oficiais, calcúlase que aproximadamente unhas 8.000 mulleres son prostituídas en Galicia. A ONU estima que a trata de persoas constitúe a terceira industria criminal do mundo e segundo datos das Cortes Xerais, gástanse diariamente 50 millóns de euros en prostitución, máis de 18.000 millóns de euros ao ano. Así mesmo, calcúlase que case un de cada tres homes explotou sexualmente a unha muller, e que un millón de homes merca diariamente nos servizos de mulleres que exercen a prostitución. Segundo a ONU, España é un dos 10 países do mundo con maior número de redes mafiosas de prostitución operando dentro do seu territorio. Os interesados e interesadas en reflexionar sobre este tema a través de testemuños reais, poden facelo até o 29 de novembro de 18.00 a 21.00 horas.

Compartir: