Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Novembro con Música 2013 continúa...

MÉRCORES 20 DE NOVEMBRO

O Novembro con Música 2013 continúa cun concerto didáctico a cargo de Fórmula Brass e cun Obradoiro de Nanas

Martes 19 de novembro do 2013

Ao longo do concerto, haberá sorpresas, suspense e moitas risas froito da música, unha arte imprescindible na vida dos nenos e nenas que se debe potenciar como recurso didáctico formativo, de entretemento, e como reforzo emocional. Os rapaces e rapazas gozarán de temas moi coñecidos e terán a oportunidade de descubrir outros novos. O concerto realizarase en dúas quendas. Á primeira delas está prevista para as 10.30 horas e asistirán o Colexio Artai e os CEIP Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán, Bergantiños e Nétoma-Razo, cun total de 314 alumnos/as. Á segunda, cun total de 313 rapaces e rapazas, está prevista ás 12.00 horas e asistirán os CEIP Canosa-Rus, Fogar e A Cristina. A cita terá lugar no auditorio do Pazo da Cultura. Xa pola tarde, será o momento para os máis cativos e cativas da casa, os bebés. Así, por terceiro ano consecutivo, o Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un Obradoiro de Nanas dirixido a nais e pais, presentes ou futur@s, así como a outr@s familiares, formador@s ou persoas interesadas que queiran aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés.

Este pequeno obradoiro ten catro horas de duración, e desenvólvese o mércores 20 e o mércores 27 de novembro, en horario de 17.00 a 19.00 horas, no segundo andar do Pazo da Cultura de Carballo. Nel poden participar un máximo de 25 persoas, ben soas, ben acompañadas do seu bebé. De impartir o obradoiro (na imaxe o celebrado en 2012) encárgase, igual que o ano pasado, o músico bergantiñán Xabier Díaz, que é cantante dos grupos Berrogüetto e aCadaCanto e que, entre outros proxectos, publicou hai dous anos o exitoso disco "Arrolos de salitre", un álbum que contén precisamente 11 cantos de berce en galego. Este disco foi editado xunto co músico Guillerme Fernández, tamén músico de Berrogüetto e aCadaCanto, e que tamén participará neste obradoiro.

Compartir: