Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dos orzamentos...

MARÍA BELÉN ÍNSUA TOMA POSESIÓN COMO CONCELLEIRA DO PP

O pleno aborda a aprobación dos orzamentos de 2014, as obras do POS 2014 e o contrato da Fase II do proxecto Anllóns-Bardoso

Venres 22 de novembro do 2013

Nestes momentos está en execución a Fase I, que inclúe a execución dun novo depósito regulador de 5.000 metros cúbicos en Seixo Branco, que estará conectado co actual depósito do Paraíso, así como a instalación dunha nova condución de 400 milímetros de diámetro e 1.630 metros de lonxitude dende o novo depósito ata a Ponte de Bértoa. Durante a sesión, a corporación abordará tamén a aprobación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS 2014) e Plan Complementario. O POS para o próximo exercicio ascende a 663.907,31 euros, dos que 662.582,12 serían achegados pola Deputación. Inclúe a realización de tres proxectos, destinándose a achega íntegra a actuacións, sen reservar ningunha cantidade para gasto corrente ou amortización de débeda, unha medida permitida pollo organismo provincial por mor da crise.

As melloras incluídas refírense todas a vías do medio rural e son o "Proxecto para a ampliación e reparación en varios viarios estruturantes das parroquias de Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo e Goiáns" por 231.254,30 euros; o "Proxecto para o rebacheo e reparación en varios camiños das parroquias de Carballo e Sofán", por 223.986,54 euros; e o "Proxecto para a construción de sobre anchos e mellora do firme en varios camiños das parroquias de Berdillo e Sofán" por 208.666,47 euros. Así mesmo, o acordo tamén inclúe o visto e prace para o Plan Complementario, que se realizaría coas posibles baixas na contratación das actuacións do POS. Neste caso sería o "Proxecto para o aglomerado con MBC de varios tramos de vías locais nas parroquias de Oza, Razo e Lema", por un importe de 93.000 euros.

Bases para a Bolsa de Aluguer do Concello de Carballo

No apartado de vivenda, a sesión inclúe a aprobación das bases do "Programa de bolsa de aluguer do Concello de Carballo", unha bolsa destinada a axudar a aquelas persoas en dificultades a causa de situacións de desafiuzamento ou que teñan problemas para asumir o pagamento dun aluguer a prezo de mercado. Os veciños e veciñas que permitan que a súa propiedade pase a formar parte da Bolsa recibirán 250 euros anuais do Concello para afrontar os gastos derivados do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) e a taxa do lixo. Ademais desta axuda anual, tamén habería outras vantaxes e garantías, como son a busca e selección dos/as inquilinos/as; garantías de conservación da vivenda coa subscrición dun seguro multirrisco do fogar; e garantías en caso de non pagamento coa subscrición dun seguro de caución que inclúe reclamacións das rendas non pagadas, suxeito ás condicións da aseguradora. A cambio o prezo do aluguer non pode sobrepasar os 150 euros. Outro punto do pleno é a concesión dunha prórroga para a Cesión de terreos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción de vivendas protexidas de promoción pública na rúa Saturnino Cuíñas, no barrio da Milagrosa. A parcela ten aproximadamente 500 metros cadrados de superficie e, extinguidos os cinco anos de cesión inicial, con este acordo o IGVS contra con outros cinco para a construción de vivenda de protección neste ámbito.

Así mesmo, e nunha sesión con ata doce puntos na orde do día, o pleno recolle a aprobación de dúas declaracións. En primeiro lugar, a Declaración Institucional do Concello de Carballo, con motivo do Día internacional contra a violencia de xénero, o 25 de novembro. Nun texto que recibiu a unanimidade de todos os grupos políticos na comisión informativa correspondente, a corporación comprométese a manifestar a súa máis enérxica repulsa a calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres, expresar a súa solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias ou a comprometerse a seguir traballando pola erradicación da violencia de xénero, procurando a unidade de todos os partidos políticos para combater esta lacra. Outro dos acordos que recolle a sesión é unha Declaración sobre a megaminería contaminante e a mina de Corcoesto presentada polos grupos de PSOE e BNG. Nela maniféstase o rotundo e definitivo rexeitamento ao Proxecto de Explotación de Ouro na Mina de Corcoesto por ser claramente prexudicial economicamente, ambientalmente e para a saúde; ínstase á Xunta de Galicia para que denegue definitivamente a autorización de explotación de Ouro na Mina de Corcoesto ; e ínstase á Xunta que se promovan as modificacións normativas precisas para prohibir o uso de cianuro como método mineiro, tal como recomenda a Comunidade Europea.

Toma de posesión da nova Concelleira do PP

Despois da renuncia de Alberto Sueiro no pasado pleno do mes de outubro como líder do PP carballés, a sesión de novembro inclúe a toma de posesión da nova Concelleira, María Belén Ínsua Trigo, xa que nestes momentos xa está remitida a credencial da xunta electoral. Esta variación supón a nova designación do voceiro do grupo municipal do PP, que a partir de agora será Miguel Ferreiro, e a designación de novos representantes do PP nas comisións informativas. Na de Urbanismo e Medio Rural estarán Miguel Ferreiro e Juan Carlos Castro; na de Facenda e Especial de Contas estarán Margarita Varela, Ramón Antelo e Belén Ínsua; e na de Benestar estarán Margarita Varela, Aurelio Núñez Centeno e Bibiana Bértoa. Entre os asuntos de trámite tamén hai que sinalar a sucesión de contratista no Contrato administrativo de xestión de servizo público de abastecemento e saneamento do Concello de Carballo, xa que a empresa encargada do servizo pasa de chamarse Aquagesta a Viaqua.

Para rematar, a sesión inclúe dúas mocións. Unha dentro da orde do día presentada polo PP e outra fóra da orde do día por TEGA. No primeiro caso, o PP solicita a modificación da Ordenanza reguladora das taxas pola prestación dos servizos da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais e do regulamento de verquidos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, adquiriu o compromiso de convocar a todos os grupos municipais para consensuar a redacción dun novo texto para esta normativa que conte co apoio unánime dos grupos da corporación. No caso de TEGA, solicítase que nos próximos plans de investimentos se inclúa un proxecto para dotar de saneamento a Cances da Vila para cubrir o servizo de 11 vivendas. O Alcalde, Evencio Ferrero, explica que o goberno elaborará un proxecto para avaliar os custos e a viabilidade da proposta.

Compartir: