Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Goberno saca adiante os orzamentos de 2014, que...

MARÍA BELÉN ÍNSUA TOMOU POSESIÓN COMO CONCELLEIRA DO PP

O Goberno saca adiante os orzamentos de 2014, que superan os 23 millóns de euros e destinan 4,8 millóns a investimentos

Martes 26 de novembro do 2013

Nunha sesión con ata doce puntos na orde do día e que comezou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas de violencia de xénero ao celebrarse precisamente o luns 25 de novembro, tamén foi aprobada, neste caso por unanimidade, a Declaración Institucional do Concello de Carballo con motivo do Día internacional contra a violencia de xénero. A corporación comprométese así a manifestar a súa máis enérxica repulsa a calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres, expresar a súa solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias ou a comprometerse a seguir traballando pola erradicación da violencia de xénero, procurando a unidade de todos os partidos políticos para combater esta lacra. Outro dos asuntos relevantes foi a aprobación, cos votos de PSOE e BNG, do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS 2014) e Plan Complementario. O POS para o próximo exercicio ascende a 663.907,31 euros, dos que 662.582,12 serían achegados pola Deputación. Inclúe a realización de tres proxectos, todos referidos á mellora de pistas e camiños e todos no medio rural do municipio, e un plan complementario tamén para a dotación de aglomerado en varias vías.

Ademais, o pleno supuxo a aprobación por unanimidade de todos os grupos do "Programa de bolsa de aluguer do Concello de Carballo", unha bolsa destinada a axudar a aquelas persoas en dificultades a causa de situacións de desafiuzamento ou que teñan problemas para asumir o pagamento dun aluguer a prezo de mercado. Así, os beneficiarios e beneficiarias deste servizo poderán ter acceso a unha vivenda por un prezo mensual non superior a 150 euros. Tamén por unanimidade saíu adiante a concesión dunha prórroga para a Cesión de terreos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción de vivendas protexidas de promoción pública na rúa Saturnino Cuíñas, no barrio da Milagrosa. A parcela ten aproximadamente 500 metros cadrados de superficie e, extinguidos os cinco anos de cesión inicial, con este acordo o IGVS contra con outros cinco para a construción de vivenda de protección neste ámbito. Entre os asuntos de trámite, durante a sesión deuse conta da sucesión de contratista no Contrato administrativo de xestión de servizo público de abastecemento e saneamento do Concello de Carballo, xa que a empresa encargada do servizo pasa de chamarse Aquagest a denominarse Viaqua.

Mocións e nova concelleira para o grupo popular

A sesión supuxo, así mesmo, a toma de posesión de María Belén Ínsua Trigo (na imaxe) como nova concelleira do PP, despois da dimisión no pasado pleno do mes de outubro do ata entón líder do partido na vila, Alberto Sueiro Pastoriza, que viu como a nova edila prometía o cargo dende as bancadas do público. Miguel Ferreiro, novo voceiro municipal do PP, quixo darlle a Ínsua a benvida á corporación desexándolle moitos éxitos e lembrando o labor do seu pai, que foi concelleiro da corporación antes ca ela e ao que seguramente acudirá para pedirlle consello. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo darlle a benvida á nova concelleira. Con esta incorporación, o pleno tamén dou conta da nova designación do voceiro do grupo municipal do PP, o xa mencionado Miguel Ferreiro, e a designación de novos representantes do PP nas comisións informativas. Na de Urbanismo e Medio Rural estarán Miguel Ferreiro e Juan Carlos Castro; na de Facenda e Especial de Contas estarán Margarita Varela, Ramón Antelo e Belén Ínsua; e na de Benestar estarán Margarita Varela, Aurelio Núñez Centeno e Bibiana Bértoa.

E no apartado de mocións, o pleno incluíu tres. A primeira foi presentada polo BNG e o PSOE e saíu adiante cos votos a favor destes dous grupos. Trátase dunha Declaración sobre a megaminería contaminante e a mina de Corcoesto e manifesta o rotundo e definitivo rexeitamento ao Proxecto de Explotación de Ouro na Mina de Corcoesto por ser claramente prexudicial economicamente, ambientalmente e para a saúde; insta á Xunta de Galicia para que denegue definitivamente a autorización de explotación de Ouro na Mina de Corcoesto ; e insta á Xunta a que se promovan as modificacións normativas precisas para prohibir o uso de cianuro como método mineiro, tal como recomenda a Comunidade Europea. Así mesmo, saíu adiante unha proposta do PP para modificación da Ordenanza reguladora das taxas pola prestación dos servizos da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais e do regulamento de verquidos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, adquiriu o compromiso de convocar a todos os grupos municipais para consensuar a redacción dun novo texto para esta normativa que conte co apoio unánime dos grupos da corporación. Por último, TEGA presentou unha moción de urxencia solicitando que nos próximos plans de investimentos se inclúa un proxecto para dotar de saneamento a Cances da Vila para cubrir o servizo de 11 vivendas. O goberno do BNG adquiriu o compromiso de valorar esta proposta.

Compartir: