Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello, Cruz Vermella e dez entidades...

DOAZÓNS: DO 28 DE NOVEMBRO AO 22 DE DECEMBRO

O Concello, Cruz Vermella e dez entidades deportivas do municipio colaboran para que ningún neno se quede sen xoguete este Nadal

Xoves 28 de novembro do 2013

Así mesmo, os promotores da iniciativa tamén queren subliñar que non só fan falla xoguetes, senón tamén o material preciso para envolvelos. Deste xeito, tamén se agradecen as doazóns de papel de regalo e outro material necesario como cinta adhesiva. Do labor de empaquetado encárganse os voluntarios e voluntarias da oenegué, que tamén contarán este ano coa axuda dos voluntarios das entidades deportivas colaboradoras, que incluso se ofreceron a entregar os xoguetes na sede xa envoltos e clasificados por temática e idades para facilitar o traballo de Cruz Vermella. Tamén hai que mencionar que, de conseguirse algún agasallo importante ou de gran valor, como sería unha bicicleta, sortearíase entre os cativos e cativas que lle escribiran unha carta aos Reis Magos e a enviaran a Cruz Vermella. Os agasallos repartiranse entre as familias os días 3 e 4 de xaneiro, como unha colaboración máis cos Reis Magos, tanto por parte da oenegué como das nais e pais que llos fan chegar aos cativos e cativas o 6 de xaneiro. E ademais de nos colectores distribuídos en distintos puntos da capital municipal, a partir do 15 de decembro as persoas que o desexen tamén poden realizar as súas achegas directamente na base de Cruz Vermella, situada nas vivendas dos mestres, na rúa Vázquez de Parga de Carballo.

Na iniciativa, que vén de presentarse na Casa do Concello de Carballo coa presenza do Alcalde, Evencio Ferrero, da presidenta da Asemblea Local, Matilde Anido e de representantes de todas as entidades colaboradoras, participan: Escola Basket Xiria, CB Artai, Escolas Balonmán Xiria, Volei Xiria, Escola Lubiáns, Clubs Ciclista Carballo, FC Bergantiños, Escolas Luís Calvo Sanz, Sysca e AD Fogar. Evencio Ferrero quixo salientar durante a presentación o labor desinteresado tanto de Cruz Vermella como de todas as entidades deportivas, así como "o traballo impagable dos voluntarios e voluntarias" do que "se benefician moitas familias". Para o Alcalde está campaña constitúe un "excelente exemplo para os veciños e veciñas" tanto de solidariedade como de colaboración entre entidades sociais e deportivas.

Compartir: