Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo cambia a faciana das paredes da...

ROBERTA VENANZI E PAULA FRAILE COMEZAN CUN MURAL DA RÚA SOL

Carballo cambia a faciana das paredes da súa contorna urbana grazas á proposta artística "Derrubando muros con pintura"

Xoves 28 de novembro do 2013

"Derrubando muros con pintura" tamén pretende darlle vida e color á vila, transformando espazos como as medianeiras ou edificios que padecen as consecuencias dunha mala planificación urbanística en lugares máis alegres e agradables para a veciñanza. Así mesmo, ofrece unha oportunidade de sacar a arte á rúa e darlle un valor fóra das salas de exposicións. Ademais de na contorna da rúa Sol, outros puntos da capital municipal onde está previsto actuar son as paredes da Ludoteca Municipal, ou o primeiro treito da rúa Gran Vía, entre outros, tentando abarcar non só espazos públicos, senón tamén espazos privados negociando as correspondentes cesións cos propietarios. Hai que destacar que nestes momentos o Concello de Carballo tamén colabora coa Asociación Ambiental Senda Nova coa proposta "Pintamos moito" que ten como obxectivo que nenos e nenas carballeses, baixo a supervisión de varios artistas locais, pinten e plasmen as súas ideas en catro puntos da vila para enchelos de cor e mellorar a trama urbana. Estes espazos serían un muro situado na contorna da rúa Vila de Noia que terá unha temática deportiva; outra parede situada na confluencia das rúas Alfredo Brañas e Gran Vía inspirada no Pedibús; un muro na Rúa Barcelona centrado en plasmar o Bosque da Ribeira da Pena; e outro na glorieta da contorna do CCB-Gadis na que a temática será o espazo natural de Razo-Baldaio

Nestes momentos, e dentro da iniciativa "Quedamos en Carballo", tamén hai que lembrar que está en marcha un Concurso de Escaparatismo de Nadal que ten como principal obxectivo premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos. Poderán participar neste concurso os titulares dun establecemento comercial no termo municipal de Carballo. Os interesados e interesadas en participar poden presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello desde o día 28 de novembro ata o día 12 de decembro, ámbolos dous incluídos, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e sábados de 9.30 a 13.30 horas.

Os interesados e interesadas poden ler unha entrevista con Roberta Venanzi e Paula Fraile nunha ligazón nesta mesma nova.

Compartir: