Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de Urbanismo remata co proceso...

ELABORARASE UN INFORME PARA ABORDAR A APROBACIÓN PROVISIONAL

A Comisión de Urbanismo remata co proceso de revisión das alegacións presentadas ao PXOM despois de 33 xuntanzas

Xoves 28 de novembro do 2013

A Concelleira de Urbanismo, Milagros Lantes, subliña, dentro do proceso de aprobación do Plan, que nestes momentos o Concello está pendente de recibir varios informes sectoriais da Xunta relativos ao PXOM, como son o de Patrimonio, de especial relevancia porque as súas directrices poderían influír sobre algunhas das decisións tomadas respecto das alegacións; o de Augas de Galicia, o de Conservación da Natureza ou o do POL-DOT (Plan de Ordenación do Litoral e Directrices de Ordenación do Territorio). Así mesmo, tamén explica que resulta moi complicado realizar unha valoración global de cantas alegacións teñen sido aceptadas e cantas rexeitadas, xa que en moitos casos as reclamacións foron aceptadas ou rexeitadas parcialmente e non en todos os seus puntos. En todo caso, hai que lembrar que o documento para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal recibiu 1.921 alegacións, presentadas por 2.451 alegantes e que afectan a un total de 2.908 parcelas do municipio, a maioría situadas no medio rural. A maior parte das reclamacións correspóndense con parcelas sobre as que se solicita un cambio de clasificación total (con 1.277 alegacións que supoñen o 59,9 por cento do total e afectan a 1.786 parcelas), seguidas das que solicitan a inclusión da totalidade da parcela (266 e 12,4 por cento) e das que piden a modificación de condicións edificatorias contidas nas ordenanzas (225 e 10,5 por cento). Mirando por parroquias -exceptuando a de Carballo-, as que rexistraron un maior número de peticións foron Bértoa, Razo e Sofán.

Compartir: