Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Bolsa de Traballo celebra o seu primeiro...

O SERVIZO TEN OFERTADO UN TOTAL DE 60 POSTOS DE TRABALLO

A Bolsa de Traballo celebra o seu primeiro aniversario con máis de 800 demandantes de emprego e a implicación de 30 empresas

Sábado 30 de novembro do 2013

Tense rexistrado un aumento en ocupacións relacionadas co sector da hostalería como pinche de cociña, cociñeira/o ou camareiro/a, e tamén en empregos máis relacionados con oficios como soldador, mestre ou carpinteiro. No que respecta ás empresas ofertantes, os empregos que máis solicitan son os relacionados cos servizos á comunidade (asistencia domiciliaria), co sector comercio (dependentes, axentes comerciais) ou co sector servizos (cociñeiro/a). En canto á cualificación dos demandantes de emprego, tanto académica como complementaria, rexístrase unha ampla diferenciación entre os que posúen unha alta cualificación e aqueles que case non teñen ningunha. Pode observarse, así mesmo, que os datos seguen unha tendencia moi similar aos do inicio do servizo.

Se a comezos de 2013 a cualificación dos usuarios e usuarias era baixa, e dábase unha importante cifra de casos que non podían e/ou non queren acreditar a súa titulación, esa situación segue a ter un grande peso na actualidade. Dos 808 rexistros actuais, uns 300 teñen como máximo EXB, mentres que só 127 acreditan formación universitaria e o resto FP 1, FP 2, ESO ou Bacharelato. A gran cantidade de usuarios e usuarias con moi baixa ou nula formación dificulta a súa procura de emprego, dadas as esixencias do mercado de traballo ante a titulación académica ou complementaria e en canto aos certificados de profesionalidade e outros carnés profesionais. A formación é un elemento fundamental que axuda aos demandantes ser competitivos no mercado de traballo, motivo polo cal é un dos puntos nos que mais forza fai a BDT.

Preto do 15 por cento de usuari@s se beneficiaron de cursos da BDT

Co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos demandantes, desde o pasado verán a BDT puxo en marcha un programa formativo dirixido a usuarios e usuarias do servizo. A selección realízase a través dunhas bases específicas nas que se valoran múltiples aspectos como son a situación laboral, posuír unha titulación, formación e perfil profesional relacionado coa oferta formativa programada, non ter participado noutra acción formativa programada pola BDT, a súa antigüidade ou a súa dispoñibilidade tanto laboral como xeográfica. Os cursos celebrados son "Busca de Emprego e Novas Tecnoloxías", "Redes Sociais Profesionais", "Xestión dun comercio" e "Plan Xeral Contable" (na imaxe a entrega de diplomas deste último o venres 29 de novembro). Deste último, debido á alta demanda entre os integrantes da BDT, haberá unha segunda edición a partir do luns 2 de decembro.

Nestes cursos teñen participado un total de 120 usuarios e usuarias da BDT, o que supón preto dun 15 por cento do total de rexistros. Outros datos de interese relacionados cos integrantes da BDT son que o intervalo de idade de maior relevancia é o comprendido entre os 26 e os 39 anos, o que demostra que estamos ante unha Bolsa de Traballo con poboación activa non envellecida. Así, o grupo menos numeroso é o de maiores de 56 anos.

Os interesados e interesadas en contactar coa Bolsa de Traballo, poden facelo no enderezo electrónico <bdt@carballo.org> ou a través do número de teléfono 981 709 011. Tamén poden acudir directamente ao servizo no Fórum Carballo, Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n (barrio da Milagrosa). Dende a Bolsa de Traballo animan, así mesmo ás empresas a que se poñan en contacto co servizo para informarse sobre o seu funcionamento e dado que ten carácter gratuíto. As empresas poden obter os perfís demandados, así como contar con acceso ás instalacións para realizar cursos de formación, procesos de recrutamento, etc. Así mesmo, hai cumprida información de todo o que ocorre na BDT a través da súa conta de Twitter @bdtcarballo.

Os interesados e interesadas poden descargar o informe anual da BDT en pdf nesta mesma nova.

Compartir: