Inicio Carballo ao día Hemeroteca O espectáculo "Siglo de oro, siglo de...

A XXII EDICIÓN: CONSIDERADA A MELLOR DA HISTORIA

O espectáculo "Siglo de oro, siglo de ahora (Folía)", da compañía Ron Lalá, gaña o Premio do Público do FIOT 2013

Sábado 30 de novembro do 2013

En total emitíronse 1.152 votos, e a media da puntuación dos 12 espectáculos (9 na Programación de Sala e 3 do Ciclo OTNI) foi de 4,04 puntos sobre 5, polo que se pode dicir que os asistentes valoraron o conxunto da programación cun notable alto (8,08). A organización considera moi positiva a nota e agradece aos espectadores e espectadoras o seu interese e apoio que fixo que o festival se desenvolvese con grande éxito. Respecto do balance global desta XXII edición, a organización do FIOT, representada en rolda de prensa pola Concelleira de Cultura, Mar Eirís, ademais de por Alberto Sueiro, valora de forma moi positiva os resultados obtidos este 2013. O alto nivel do programa, o respaldo do público, o recoñecemento de distintas entidades, axentes culturais e actores sociais fixeron que o pasado Festival reforzase a traxectoria percorrida ata o momento. Sen dúbida, subliñan, o Outono de Teatro afianzouse como unha das referencias teatrais máis importantes de Galicia, e converteu a Carballo, durante o mes de outubro, na "capital do teatro de Galicia", en verbas de Mar Eirís.

Respecto dos números, nas 49 actividades programadas, das que 29 se corresponden con espectáculos teatrais, participaron directamente 9.192 persoas das que que 3.389 o fixeron na Programación de Sala e no Ciclo Otni, e 1.332 na Rúa dos Contos. Por outra parte, acudiron a Carballo máis de 100 artistas (intérpretes e directores) ou técnicos de diferentes compañías, que lle manifestaron directamente á organización o seu agradecemento polo acollemento e polo trato recibido. En todas as funcións a asistencia foi masiva, enchéndose o auditorio en moitas delas, e esgotándose os bonos e as entradas para varias das montaxes nas primeiras horas da súa posta á venda. Hai que recordar o éxito, por segundo ano consecutivo, da televenda a través da plataforma de Servinova, que flexibiliza e facilita as posibilidades de compra. Así mesmo, segundo salienta Alberto Sueiro, este ano hai que resaltar a campaña de captación de socios e socias para o FIOT, que nunha soa semana logrou 98 afiliados. Tamén tivo un balance positivo xa que facilitou o acceso aos bonos do público habitual e fiel ao Festival. Neste sentido, a organización considera que a existencia deste grupo amplo de persoas abre novas posibilidades de participación para vindeiras edicións.

Un festival que quere integrarse na vida de CarballoAsí mesmo, a organización quere subliñar a importancia das actividades paralelas neste 2013, coa incorporación do "Fiotiño" para os máis cativos e cativas; ou da proposta "Dálle un bocado ao FIOT", a cargo da Concellaría de Promoción Económica e que o que pretende é que o festival "participe na vida de Carballo tamén á marxe das actividades propias do festival", en verbas de Sueiro. Así mesmo, Mar Eirís subliña que esta edición ten demostrado que "sempre quedan novas ideas para o FIOT" e para incorporalo "de forma máis transversal na vida de Carballo". Así mesmo, Eirís quixo lembrar a todas as persoas que fan posible o festival, como os máis de 20 voluntarios e voluntarias que un ano máis realizaron moito do traballo que hai detrás do pano do Pazo da Cultura. E tamén quixo ter verbas para os patrocinadores e entidades colaboradoras como o Instituto Nacional de Artes Escénicas, a Agadic, a Deputación da Coruña, Gadisa, Editorial Primera Persona, Begano, Librería Brañas, La Caixa ou a Fundación Luís Calvo Sanz.

O interese suscitado polo programa da XXII edición do FIOT implicou, así mesmo, a asistencia de organizadores doutros festivais de teatro de Galicia ou de programadores teatrais doutros Concellos, actores ou directores de diversas compañías de teatro galegas. Ademais, este ano incrementouse unha grande transcendencia mediática, con mencións do FIOT en numerosos medios de comunicación galegos e españois ou a especial relevancia en medios especializados como a revista "Artez" (Revista de las Artes Escénicas). Por último, Alberto Sueiro quixo resaltar que "en números, o FIOT 2013 foi sen dúbida o mellor da historia", aínda que, como cada ano "o mellor sempre é o que está por vir", neste caso, a edición 2014.

Compartir: