Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local aproba as bases do...

CONTRATACIÓN PARA A ANÁLISE DA REDE DE ABASTECEMENTO

A Xunta de Goberno Local aproba as bases do Concurso de Terrazas de Nadal 2013 que repartirá dous mil euros en premios

Luns 2 de decembro do 2013

Entre as principais características que se valorarán durante o concurso, hai que subliñar a calidade do servizo á clientela, valorándose a vestimenta, o material empregado ou o dinamismo da oferta; a tipoloxía do mobiliario, os elementos ornamentais, a iluminación e a climatización; a distribución das mesas, cadeiras e adornos; a utilización de elementos tradicionais de Nadal; o esforzo e dedicación do promotor ou o uso do idioma galego na terraza. O xurado estará integrado, en representación do Concello, pola Axente de Emprego e Desenvolvemento Local e pola Técnica de Turismo; por un representante da asociación de hostaleiros Hostalber; por un representantes de Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños); e por un experto ou experta en deseño de interiores.

Xa dentro da orde do día, recibiu luz verde o expediente para o contrato de servizo da "Análise da rede integral de abastecemento do Concello de Carballo, mediante simulación por ordenador e actualización do Plan Director de Abastecemento". O orzamento de contrata ascende a 71.539,50 euros, IVE incluído, e entre os criterios de adxudicación terase en conta a oferta económica (20 puntos), o prazo de execución e programa de traballo (10 puntos). Tamén no apartado de contratación aprobouse a adxudicación do contrato de obras de "Mellora na eficiencia enerxética en instalación de climatización de piscina pública", referente á piscina Carballo Calero e que realizará Fontanería Protec por 104.532,87 euros.

No que respecta a licenzas, concedéronse tres licenzas de obra; unha licenza de apertura por actividades molestas para unha nave destinada a almacén e procesado de chatarras no Parque Empresarial de Bértoa; dúas licenzas de obra e apertura para un café-bar na Rúa Estrela e un comercio de fotografía na Avenida das Flores; e dúas licenzas de primeira ocupación, unha para unha vivenda unifamiliar, e outra que inclúe o informe favorable para a reapertura da estación de servizo situada na Avenida de Bértoa. Así mesmo, recibiu luz verde o proxecto de execución para a ampliación do Cemiterio de Berdillo, situado no lugar de Igrexa na parroquia de Berdillo de Carballo.

Convenios e subvencións

No apartado de convenios, aprobáronse ata catro, ou as súas prórrogas e douse conta dun quinto. Neste último caso, trátase dun protocolo de colaboración en materia de seguridade viaria entre a Policía Local de Carballo e a Garda Civil de Tráfico da Coruña. Respecto das aprobacións saíron adiante un convenio entre o Concello e a Asociación Deportiva Xiria; outro entre o Concello e a Asociación antidroga Vieiro para a realización de programas de prevención de drogodependencias; un acordo entre o Concello e a ANPA A Braña para realizar actividades deportivas; e a prórroga para o Convenio entre o Concello e a Cámara de Comercio da Coruña no programa de antenas de "Servizos de proximidade para a pequena e mediana empresa".

Por último, no que se refire a subvencións, o Concello de Carballo solicita ata once á Deputación provincial da Coruña. Trátase dunha subvención para o desenvolvemento de Servizos Sociais no ano 2014 por 45.000 euros; outra para o proxecto de dinamización económica "Quedamos en Carballo" por un importe máximo de 95.000 euros; unha para investimentos culturais por unha achega de 22.000 euros; unha axuda para realizar investimentos de promoción económica por preto de 15.000 euros; unha subvención para a realización de actividades culturais por un importe de 50.000 euros; unha subvención de 20.000 euros para o mantemento do Conservatorio Profesional de Música de Carballo; unha para a contratación dun monitor cultural por 7.500 euros; outra para o mantemento do Servizo de Normalización Lingüística por un máximo de 6.000 euros; unha solicitude de axuda para levar a cabo o programa de envellecemento activo por un importe de 3.000 euros; unha solicitude para a contratación de persoal técnico deportivo por 7.500 euros; e, xa fóra da orde do día, unha axuda para o desenvolvemento de políticas de Igualdade entre Mulleres e Homes e de loita contra a Violencia de Xénero no ano 2014 por un importe de 40.000 euros.

Compartir: