Inicio Carballo ao día Hemeroteca O teatro, a maxia ou a danza son protagonistas...

ACTIVIDADES ATÉ O 6 DE XANEIRO DE 2014

O teatro, a maxia ou a danza son protagonistas nun Nadal Cultural no que tampouco faltan os Reis Magos ou a música

Xoves 12 de decembro do 2013

Pero antes do Nadal Pequespectacular, outra das citas máis esperadas que adoita a marcar o comezo do programa son os Cantos de Nadal que acompañan a Entrega de Premios do Concurso de Carteis de Nadal, que están patrocinados por Todo Lar. Este concerto ten a finalidade de achegar a música típica destas datas a través do traballo de diferentes formacións musicais de Carballo. Como en anos anteriores nesta cita, xunto ás agrupacións infantís Coro Vagalume e Coro o Candil, que interpretarán un repertorio máis clásico de panxoliñas, dúas agrupacións de música tradicional, a AC Argazo e a AC Arume, ofrecerán cantos de Nadal e Reis e farán unha recreación dos costumes que os acompañaban. En concreto, os compoñentes de Arume revivirán As Noitiñas de Nadal, cunha posta en escena que recreará a súa recuperación, por parte da entidade de Berdillo en Nadal de 1983, celebrando deste xeito o 30 aniversario destas Noitiñas. Este acto terá lugar o sábado 14 de decembro ás 18.30 horas no Pazo da Cultura.

Cabalgatas de ReisSeguindo coa programación para os máis cativos e cativas, hai que resaltar que, un ano máis, a Ludoteca Municipal amplía o seu horario nestas vacacións abrindo tamén polas mañás. Así mesmo, ofrece Obradoiros de Nadal o luns 30 de decembro e o xoves 2 e o venres 3 de xaneiro ás 18.00 horas. E ademais repite a tradicional Chocolatada o luns día 30 a partir das 19.00 horas, unha maneira divertida de despedir o ano cos máis novos (con invitación previa). Outro dos elementos que nunca faltan no Nadal Cultural son as Cabalgatas de Reis, que percorrerán tanto o casco urbano como as parroquias de Carballo. Este ano serán 13 as comitivas que percorrerán todo o municipio durante os días 4, 5 e 6 de xaneiro. As Cabalgatas das parroquias están organizadas polas súas asociacións e contarán cunha subvención do Concello de Carballo. Na Cabalgata de Carballo vólvese a contar para a coa axuda da Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude e coa colaboración económica do CC Bergantiños-Gadis Hiper, que aporta os caramelos, e de Automóviles Gonzacar e Alquileres Reneymar que proporcionan os vehículos que guían das carrozas e das infraestruturas complementarias para a carpa que se instala para a recepción dos Reis Magos.

A programación do Concello para o Nadal Cultural compleméntase tamén co Festival de Nadal que organiza a Concellaría de Terceira Idade o domingo 22, ás 18.00 horas no Pazo da Cultura, que estará amenizado polo Dj David. E tampouco hai que esquecer as numerosas citas organizadas polas entidades e asociacións do municipio como diversas escenificacións de nacementos, presentacións de libros, recollida de xoguetes (coa cita Os Reis Magos tamén bailan Rock&Roll da Asociación Rebeldía ou coa Campaña de Cruz Vermella), visitas de Papá Noel, ou concertos e festivais para os mais cativos e cativas tanto en Carballo como nas diferentes parroquias. Mención especial merece o Festival de Nadal de Aspaber, que cada ano congrega a numerosos veciños e veciñas e ofrece un espectáculo moi entretido. Na presentación do programa estiveron presentes José Manuel Naya, de Todo Lar, que expresou a súa satisfacción porque o seu establecemento colabore con agasallos para os nenos e nenas; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, que desvelou as claves do programa. E o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que desexou que "no 2014 teñamos a ocasión de celebrar que o traballo chegue a todos os fogares".

Dende o Concello tamén quixeron agradecer a colaboración de todos os que fan posible a elaboración do programa: a (Agadic) Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, as asociacións culturais e as empresas de Carballo, como Todo Lar que colabora co Concurso de Postal e Cartel, ou o Centro Comercial Bergantiños - Hiper Gadis, a Automóbiles Gonzacar ou Alquileres Reneymar que colaboran coa Cabalgata de Reis de Carballo; e a Deputación da Coruña. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova o programa completo do Nadal Cultural 2013. A imaxe gañadora do Concurso de Cartel e Postal de Nadal e o segundo premio. E clicando aquí pode accederse ao nome dos gañadores e gañadoras do concurso.

Compartir: