Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os pilotos do Calvo Team, Maverick Viñales...

RECIBIRON O SEU PESO EN ATÚN E ASINARON AUTÓGRAFOS

Os pilotos do Calvo Team, Maverick Viñales e Ana Carrasco, festexaron o título de Moto3 en Carballo

Venres 13 de decembro do 2013

Os integrantes do Calvo Team estiveron acompañados polo Presidente de honra de Grupo Calvo, José Luis Calvo, por Luciano Calvo, director executivo do Grupo Calvo, e polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como por numerosos membros da corporación. José Luis Calvo quixo subliñar o éxito dos pilotos "que teñen conseguido o Campionato do Mundo cunha empresa galega e de Carballo", mentres que Luciano Calvo quixo resaltar que o acto serviu de "homenaxe para estes dous grandes campións" e tamén para facilitar "que o pobo de Carballo participe desta honra". Desexoulle a Viñales que "chegue a Moto1 para darlles unha pasada aos maiores" e salientou o valor de Ana Carrasco como "un fito no motociclismo feminino". O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo resaltar o éxito deportivo acadado por "un equipo carballés" cunha empresa, o Grupo Calvo, "que apostou por unha experiencia a nivel mundial para acabar no máis alto do podio". Pechou a súa intervención desexando, entre risos, que no futuro Maverick Viñales "non nos faga sufrir tanto e que o título non se resolva no último minuto da última volta".

Despois da rolda de intervencións, os pilotos recibiron uns agasallos por parte do Concello de Carballo, e tamén por parte do Grupo Calvo. No primeiro caso, a reprodución dun carballo en cerámica de Sargadelos; e no segundo, o peso dos propios pilotos en atún Calvo. Así, Maverick Viñales recibirá 71 quilos de atún, mentres que Ana Carrasco poderá desfrutar con 56 quilos. Ademais, José Luis Calvo, Pablo Nieto, Ana Carrasco e Maverick Viñales tiveron a oportunidade de asinar no libro de honra do Concello, que estreou un novo exemplar coas súas sinaturas. Curiosamente, o exemplar anterior, que levaba no Concello dende 1974, completouse o pasado mes de novembro coa sinatura dos campións da Copa Galicia de baloncesto en categoría infantil masculina, o equipo da Escola Basket Xiria do que forma parte o fillo de Luciano Calvo. Antes de que a comitiva partise á fábrica de Conservas Calvo en Carballo para compartir o Campionato cos traballadores e traballadoras, Viñales, Carrasco e Nieto asinaron autógrafos, tiraron fotos cos fans, especialmente cos máis novos e novas e falaron co público presente. Despedíronse de Carballo máis tarde nunha comida de confraternización, na que puideron gozar coas centolas da zona e o típico marisco galego.

Compartir: