Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum ten acollido un total de 85...

MÁIS DE 40 ENTIDADES TEÑEN EMPREGADO AS INSTALACIÓNS

O Fórum ten acollido un total de 85 actividades ao longo do ano 2013, das que máis de 50 foron accións formativas

Venres 20 de decembro do 2013

No marco da BDT tiveron lugar un Curso de "Busca de emprego e Novas Tecnoloxías", outro de "Redes Sociais profesionais", un de "Xestión dun comercio" e por último un titulado "Plan Xeral Contable" que tivo que dividirse en dúas quendas debido á elevada demanda por parte dos usuarios e usuarias da BDT (hoxe vén de clausurarse a segunda edición). No marco da OPE desenvolvéronse ou aínda están en marcha dous cursos de Escaparatismo, outro de Introducción á Calidade Turística e outro de Etiqueta e Protocolo. Así mesmo, os módulos que se teñen celebrado e, que nalgún caso, aínda están tendo lugar no Fórum Carballo no marco do Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial e de Formación Integral para Emprendedores son os seguintes, supoñendo un total de 208 horas de formación gratuíta: Módulo 1 sobre "Motivación e iniciativa a través do Coaching para o desafío profesional"; Módulo 2, "Reflexión estratéxica e plan de viabilidade"; Módulo 3 de "Coñecementos básicos en Administración de Finanzas a través da Xestión económico-financeira, a Negociación coa banca e a Xestión laboral"; Módulo 4 de "Requisitos legais para a apertura dun establecemento"; Módulo 5 de "Visual merchandising: elementos promocionais", "TIC: TPVs, tarxetas e móbiles" e "Xestión informatizada de compras"; Módulo VI de "Técnicas de venda e atención ao cliente"; e Módulo VII sobre "Imaxe corporativa".

Cursos da Rede Xiana2 ou AFD

Todas estas actividades, complétanse cos cursos da Rede Xiana2 (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego) e outras accións formativas da Deputación da Coruña e cos cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) financiados pola Consellería de Traballo e Benestar. No caso do organismo provincial, a Rede Xiana2 incluíu o desenvolvemento de catro actividades formativas con partes teóricas e prácticas sobre "Preparación ás competencias clave" sobre empregabilidade, "Alfabetización informática: Internet", "Obradoiros de empregabilidade" e "Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación". Ademais, no marco da Deputación provincial o Fórum acolleu unha actividade sobre a "Promoción e a planificación turística na administración local", unha xornada sobre a "Elaboración de pregos de cláusulas administrativas e prescricións ténicas", un plan de formación sobre "O patrimonio cultural como atracción turística" e outro sobre a "Actualización en materia de tráfico e seguridade viaria", así como unha charla informativa sobre a convocatoria de subvencións para 2014.

No marco dos cursos AFD, as actividades remataron o 12 de decembro, nelas participaron 45 persoas e foron os seguintes cursos gratuítos: un de Cociña de 828 horas de duración, outro de Soldadura con electrodo revestido e TIG de 758 horas, e outro de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios de 458 horas. Entre os tres suman 2044 horas de formación para desempregados que se teñen desenvolvido nos talleres de hostalería, soldadura e electricidade do Fórum durante preto de cinco meses. Ademais de asistir a clases teóricas, o alumnado ten realizado 80 horas de prácticas non laborais en empresas no caso do curso de Cociña: 40 horas no caso do curso de Soldadura; e outras 80 horas de prácticas no caso do curso de Electricidade.

Congresos, xornadas e charlas de numerosas entidades

O Fórum Carballo tamén foi escenario ao longo do ano que está a piques de rematar de congresos e xornadas de diversas entidades. Estas citas van dende as II Xornadas Xurídicas da delegación carballesa do Colexio de Avogados, ata o I Foro da Formación e da Empresa no que colaboraron os institutos da vila xunto con Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños) e o Concello, pasando polas VI Xornadas Micolóxicas da Asociación Cultural Lumieira ou as Xornadas do Xogo Tradicional e desenvolvemento psicomotriz da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Non se poden esquecer as actividades da Universidade da Coruña, coa terceira edición do curso "A evolución do turismo no marco da sociedade global" ou a novena edición do "Curso de verán sobre dinamización lingüística".

A polivalencia dos espazos do complexo Fórum Carballo permitiu unha variedade de actividades desenvolvidas moi ampla, con citas que van dende a promoción económica, co I Salón ExpoVoda, organizado polo Centro Comercial Aberto Carballo (CCA); ao deporte, co Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada organizado polo Club Ciclista Carballo; e pasando por citas educativas, como a cita de "Solidariedade Internacional cos rapaces de Managua" do IES Isidro Parga Pondal, ou o 18 aniversario do CEIP Xesús San Luís Romero. O Fórum ten acollido en 2013 dende a Gravación du programa de Cociña para a radio, ata unha reunión da Rede Opel de Galicia organizada por Automóbiles Urbieta SA, varios curso da Asociación de carpinteiros de madeira (Atacarma), un Curso do Comité Galego de Árbitros de Natación organizado polo Padroado Deportivo Municipal, ou o Obradoiro Ambiental Sendas Carballo da Asociación Ambiental Senda Nova. Un total de 85 citas que teñen mantido ocupadas as instalacións do Fórum, chegándose a estar impartíndose á vez ata 8 accións formativas da Xunta, a Deputación e o Concello.

Compartir: