Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello trasladará ante a...

AS ANPAS SOLICITAN MANTER E AMPLIAR O SERVIZO NOS CENTROS

O Concello trasladará ante a Consellería de Educación as demandas de coidadores para os CEIP Fogar e Xesús San Luís Romero

Xoves 19 de decembro do 2013

Así, o CEIP Fogar demandou no seu momento a incorporación dun novo coidador, xa que o centro rexistra numerosos casos de alumnado con diferentes minusvalideces (tanto motoras coma psíquicas), que era atendido coa presenza de tan só dous coidadores. Por iso, solicitaron a presenza dun coidador máis ata chegar a tres. A resposta da Consellería a esta petición foi que unha das dúas coidadoras que estaban no CEIP Xesús San Luís Romero dedicase parte da súa xornada a a tender ao alumnado do Fogar, algo que ocorre dende hai arredor de tres semanas, de tal xeito que un centro conta con tres coidadores e o outro tan só con un durante dúas horas diarias. Porén, a ANPA "A Milagrosa" explica que un coidador non é abondo para atender as necesidades dos seis nenos e nenas que hai no Xesús San Luís Romero que padecen graves problemas motores (tres deles precisando cadeira de rodas) mentres o outro coidador está as dúas horas correspondentes no CEIP Fogar. Por todo o anterior, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, comprometeuse a trasladar ante o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, as demandas das nais e pais dos centros educativos afectados.

Compartir: