Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Carballo na memoria" nace para...

VECIÑOS E VECIÑAS PODERÁN EMPRESTAR IMAXES E REVIVIR O PASADO

"Carballo na memoria" nace para implicar á sociedade na recuperación da historia fotográfica do municipio

Xoves 26 de decembro do 2013

Para facilitar o labor de dixitalización, crearase un Punto de Recollida de imaxes situado no Museo de Bergantiños. Alí, os carballeses e carballesas poderán levar as súas imaxes en soporte papel e seranlles devoltas uns días despois acompañadas dun soporte dixital. A única contrapartida para a cidadanía é o de permitir que esas fotografías se fagan públicas e formen parte do proxecto. Do mesmo xeito, quen teña as imaxes xa dixitalizadas pode incorporalas ao web dende os seus ordenadores. A sociedade carballesa será a verdadeira protagonista da iniciativa, non só achegando as súas imaxes, senón tamén a información que xira arredor delas. Ademais, a Oficina Técnica Municipal tamén está implicada na dixitalización dos seus fondos fotográficos para incorporalos a "Carballo na memoria". Lantes estivo acompañada na cita pola Concelleira de Participación Cidadá, Belén Lendoiro; pola de Cultura, Mar Eirís; polo de Deporte, Marcos Trigo; e por Manuel Pan, responsable de Abertal, a empresa encargada de xestionar a nova web. A Tenente de Alcalde quixo subliñar que o propósito da iniciativa é conseguir "que todo o mundo poida participar dos recursos fotográficos do Concello" e que a xente "recupere as súas lembranzas da vila".

Ferramentas: "Brigadas dixitais" e PhotticAs concellarías de Participación Cidadá, Normalización Lingüística, Mocidade, 3ª Idade, Novas Tecnoloxías e Educación e Cultura colaborarán para buscar "Brigadas dixitais" entre a xente máis nova. Con esta finalidade está previsto realizar a partir de xaneiro reunións informativas entre os centros de secundaria do municipio, procurando alumnado con coñecementos tecnolóxicos para que apoien as accións dirixidas á xente máis maior, axudándolles a envorcar o seu coñecemento histórico no novo web. Deste xeito, a mocidade transmitiríalle á xente máis maior os seus coñecementos en novas tecnoloxías, mentres que os máis novos aprenderían a historia da vila a través das anécdotas relatadas polos máis anciáns.

No apartado tecnolóxico, hai que subliñar, segundo explicou Manuel Pan, que o proxecto emprega o sistema Phottic (www.phottic.com), desenvolvido pola empresa carballesa Abertal da que el é responsable. Phottic é unha aplicación online que permite subir as imaxes, xeorreferenciadas no mapa, e incluso superpoñelas sobre o sistema StreetView de Google, de tal xeito ue se pode ver o antes e o despois do que reflicten as fotografías. Unha das arelas do proxecto é "recuperar as fotos dos caixóns das nosas casas", en verbas de Lantes, obtendo unha ampla representación das diferenes imaxes da vila. Tamén servirá para que a xente de Carballo comente as fotografías, achegando coñecemento, e contando cun lugar común no que fomentar a nosa memoria.

Compartir: