Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a adxudicación do...

SILVANA CASTRO RENUNCIA COMO CONCELLEIRA DE BENESTAR

O pleno aborda a adxudicación do mantemento e subministro enerxético por 9,3 millóns á UTE formada por Ferroser-Ferrovial

Venres 27 de decembro do 2013

Outro dos asuntos importantes da orde do día é a renuncia da Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro (á esquerda na imaxe). Segundo explica, trátase dunha decisión "moi meditada" e tomada despois de chegar á conclusión de que non conta con tempo suficiente "para atender esta responsabilidade como se merece". Silvana Castro renuncia despois de dous anos e medio no cargo e será substituída pola seguinte persoa na listaxe do BNG, Inés Rodríguez Muíño (á dereita na imaxe), diplomada en Ciencias Empresariais que lamenta a marcha de Silvana, mais espera "levar esta responsabilidade como mellor se poida". Está previsto que a toma de posesión da nova concelleira se produza na próxima sesión plenaria de xaneiro de 2014 se a Xunta Electoral Central realiza os trámites en tempo e forma. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo agradecer o traballo realizado por Silvana e a súa dedicación, atrasando a súa dimisión "ata ter elaborados os orzamentos de 2014", para así facilitar o traballo da súa sucesora. Ferrero subliña a importancia dunha área como a de Benestar "dificultosa nun momento como o actual", cando os veciños e veciñas teñen cada vez máis necesidades. Porén, desexa "que Inés o faga igual de ben como o fixo Silvana até o de agora".

Concesión de postos no mercado municipal

A sesión inclúe, así mesmo, a aprobación do contrato administrativo especial para a "Concesión dos postos situados no mercado municipal de Carballo". Segundo sinala o Alcalde, no seu momento licitáronse once postos, seis almacéns de frío e outros cinco almacéns no soto do edificio. Adxudicáronse dous postos, mais nestes momentos estanse ultimando os trámites administrativos, polo que a proposta para o pleno é a adxudicación dun almacén de 8,30 metros cadrados para Cafetería do Mercado SC (cafetería exterior) por un importe de 200,50 euros ao ano. O pleno tamén propón a desafectación da planta baixa da Escola Unitaria de Entrecruces, situada no lugar de Piñeiro. Así, a escola leva tres cursos sen ofrecer ningún servizo educativo, polo que se solicitará ante a Consellería de Educación que se inicie o proceso de desafectación para que sexa empregada como local de uso veciñal. Entre os asuntos de trámite tamén está o recoñecemento de compatibilidade para o desempeño dun segundo posto de traballo no sector privado por parte do Conserxe do CEIP Gándara-Sofán. Durante dúas horas da súa xornada laboral será coidador no comedor do mesmo centro, de 13.20 a 15.20 horas, coa recomendación expresa da dirección do colexio para desenvolver este labor.

Por último, no apartado de mocións, o grupo municipal do BNG presenta unha relativa á aprobación das bases reguladoras do "Plan DTC 93, unha Deputación para todos os concellos". Nela, solicita reclamar á Deputación da Coruña a modificación da cláusula 4 referida ao financiamento das bases reguladores do Plan DTC 93, solicitando a aplicación dos mesmos criterios de reparto que considera o Plan de Obras e Servizos (POS). Segundo o BNG, a modificación realizada nas contías das porcentaxes en variables como o número de parroquias, a poboación total ou a superficie do concello favorece uns "criterios de reparto que benefician moi especialmente ás cidades en detrimento dos pequenos e medianos concellos", e especialmente a Carballo, "con Narón, o concello peor tratado de toda a provincia da Coruña" en verbas de Ferrero, perdendo máis de 125.000 euros para a realización de melloras.

Compartir: