Inicio Carballo ao día Hemeroteca Silvana Castro formaliza a súa renuncia ao...

UNANIMIDADE PARA A ADXUDICACIÓN DO SUBMINISTRO ENERXÉTICO

Silvana Castro formaliza a súa renuncia ao cargo de concelleira agradecendo a oportunidade de ter traballado por Carballo

Luns 30 de decembro do 2013

Xunto coa renuncia de Silvana Castro, outro dos puntos relevantes da orde do día foi a aprobación da adxudicación do "Contrato de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo", que a mesa de contratación propuxo que asumise a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ferroser e Ferrovial e que se denominará Xestión enerxética e alumeado público Carballo-UTE. O importe será de 796.800 euros ao ano (IVE incluído) por un período de once anos e nove meses, o que fará un custo total de 9.362.400 euros. O acordo recibiu o apoio unánime de todos os grupos da corporación. A sesión incluíu, así mesmo, a aprobación do contrato administrativo especial para a "Concesión dos postos situados no mercado municipal de Carballo", que tamén recibiu o apoio unánime dos concelleiros. O acordo supón a adxudicación dun almacén de 8,30 metros cadrados para Cafetería do Mercado SC (cafetería exterior) por un importe de 200,50 euros ao ano.

Tamén co apoio de todos os corporativos aprobouse a desafectación da planta baixa da Escola Unitaria de Entrecruces, situada no lugar de Piñeiro. Así, a escola leva tres cursos sen ofrecer ningún servizo educativo, polo que se solicitará ante a Consellería de Educación que se inicie o proceso de desafectación para que sexa empregada como local de uso veciñal. Respecto do punto referido ao recoñecemento de compatibilidade para o desempeño dun segundo posto de traballo no sector privado por parte do Conserxe do CEIP Gándara-Sofán, o acordo saíu adiante co apoio de BNG, PSOE e TEGA e a abstención do PP. Segundo a resolución, durante dúas horas da súa xornada laboral o Conserxe será coidador no comedor do mesmo centro, de 13.20 a 15.20 horas, coa recomendación expresa da dirección do colexio para desenvolver este labor. Fóra da orde do día, admitiuse polo trámite de urxencia unha proposta para suspender o proceso de licitación da obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso), Concello de Carballo (A Coruña). Fase II (FEDER Convocatoria 2011 "Proxecto Anllóns-Bardoso")". Así, tense rexistrado que o IVA non constaba nas contías do apartado de melloras, polo que se propuxo suspender o procedemento para poder subsanar os erros. O acordo foi apoiado por BNG, PSOE e TEGA con 12 votos, xa que a votación tivo lugar logo da renuncia de Silvana Castro, e 8 abstencións do PP.

Por último, no apartado de mocións, saíu adiante unha presentada polo BNG relativa á aprobación das bases reguladoras do "Plan DTC 93, unha Deputación para todos os concellos". Cos votos a favor de BNG, TEGA e PSOE e en contra do PP, o acordo supón reclamarlle á Deputación da Coruña a modificación da cláusula 4 referida ao financiamento das bases reguladores do Plan DTC 93, solicitando a aplicación dos mesmos criterios de reparto que se consideran para o Plan de Obras e Servizos (POS). Segundo o BNG, a modificación realizada nas contías das porcentaxes en variables como o número de parroquias, a poboación total ou a superficie do concello favorece uns criterios de reparto que benefician moi especialmente ás cidades en detrimento dos pequenos e medianos concellos, e especialmente a Carballo, que perde máis de 125.000 euros para a realización de melloras.

Compartir: