Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Venres Culturais ofrecen preto de 20...

ENTRE OS MESES DE XANEIRO E MARZO

Os Venres Culturais ofrecen preto de 20 actividades centradas no teatro, a música, a maxia, o cine e as exposicións

Xoves 16 de xaneiro do 2014

Analizando o programa máis polo miúdo, o primeiro grande bloque temático é o teatro para adultos, no que se inclúen cinco propostas, a maioría de compañías galegas que acaban de estrear os seus espectáculos que se complementan co traballo da Aula Municipal de Teatro que estrea un novo espectáculo. A programación dos Venres Culturais arrinca o 24 de xaneiro con "Da Vinci tiña razón" de Producións Teatrais Excéntricas, cun texto adaptado e dirixido por Quico Cadaval, veño coñecido das táboas carballesas. O espectáculo estréase o 16 de xaneiro en Santiago, mais Carballo é a primeira vila que visitan na súa xira. A seguinte proposta é a da compañía Voadora, que actúa por primeira vez en Carballo, coa función "Waltz". Unha "opereta portátil ou conto musical" que falará do amor e o desamor entre outras cousas, e que resulta sorprendente, moi contemporánea e actual pola súa posta en escena. Voadora é unha compañía revelación que, con este espectáculo, acadou un grande éxito nas redes de teatro alternativo en toda España. A terceira función é a de Teatro do Atlántico. A veterana compañía de Xulio Lago e María Barcala presenta a inquedante e conmovedora obra, "A charca inútil". Unha fermosa e tenra historia de soidade e misterio, de amor, medo e morte.

Cándido Pazó visitará de novo Carballo da man dos Venres Culturais coa compañía Abrapalabra Creacións Escénicas e "As do peixe". Trátase da historia das mulleres que traballaron nas empresas da conserva en Galicia a partir dos anos 70 e que está baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas. E pecha a oferta de teatro de adultos o teatro afeccionado de Carballo coa Aula de Teatro Municipal que dirixe Artúr Trillo. Este ano estrean "Lisístrata" de Aristófanes, un dos textos máis recoñecidos da historia da literatura clásica. Unha comedia chea de enredos e de loitas de poder entre homes e mulleres, coas que o público poderá divertirse de principio a fin e co que poderán verse a máis de 20 actores e actrices enriba dun escenario. Cada ano ten especial relevancia nos Venres Culturais o ciclo En Familia, neste caso con catro citas. Arrinca o domingo 2 de febreiro con Chrystyan Magic e o espectáculo "Imaxina que un día". O artista ten visitado Carballo en varias ocasións e leva máis de 17 anos enriba dos escenarios. E os máis cativos e cativas tamén gozarán co teatro. A mediados de marzo Talía Teatro presenta o seu novo espectáculo "Xango: A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina". Unha divertida e reveladora historia na que as novas tecnoloxías son as protagonistas.

A oferta para o público familiar complétase con outras dúas propostas. Por unha banda, unha das compañías de títeres de referencia e máis antiga do país, Os Monicreques de Kukas, que presenta unha divertida e sempre sorprendente versión do Quixote, o "Kikirixote, aventuras e desventuras dun galo de curral". Unha fermosa fantasía con máis de 20 monicreques diferentes. Pon fin ao ciclo a compañía Eme2 con "O Príncipe e o parrulo", un magnífico espectáculo de bonecos e obxectos, con actrices e música de Fran Lausen (antigo membro de Oskorri) que crearán unha preciosa ambientación na que se gabará o valor da amizade e da solidariedade.

Concertos, exposicións e cineOutra das alternativas culturais que sempre ten presenza no programa é a música. A primeira das citas recupera a presenza en Carballo do artista Rodrigo Romaní, que non puidera estar na súa cita do Verán Cultural 2013 por mor dun accidente e que agora actuará no marco de Sondeseu. A agrupación é a primeira orquestra estable de Europa con repertorio folk e un novo referente da música en Galicia. Corenta músicos interpretan música tradicional arranxada especificamente para unha ampla variedade de instrumentos que, combinados, dan lugar a un timbre único, moi característico desta formación. Grazas á colaboración coas agrupacións musicais do municipio, a segunda cita musical dos Venres Culturais é o concerto RockCarballo, no que participarán grupos noveis e grupos consolidados do panorama musical carballés. Música para fans do rock & roll, pop, electrónica, garage, punk, trash e indie ao estilo carballés. Nesta única e imprescindible cita haberá bandas musicalmente máis alternativas así como con outras formacións de carácter máis clásico da capital de Bergantiños. Os grupos son: The Cerne, Amenaza de Muerte, Apart, Dude, Timperis, Killer Cats, Strobos, Lowcos, Arabian Evils, The Gentlemen, Apart, Versión Imposible, Kids e Tortitas Sen Anís.

As exposicións prolongan máis aló de marzo o ámbito dos Venres Culturais, xa que a última delas péchase o 30 de abril. A primeira ábrese no mes de xaneiro e corre a cargo do , arquitecto, deseñador e creativo plástico multidisciplinar Pedro Tasende, que amosa por vez primeira de xeito individual o seu traballo pictórico en "A vida intensa". A segunda, durante os meses de marzo e abril, amosa a obra de José Navas Aranda, un artista plástico herculino, licenciado en Belas Artes e Master en Arte Contemporáneo, Investigación e Creación, que afonda, nesta mostra titulada "Cores: síndrome de nagali", na procura da sorpresa inicial, na realidade que se converte en inventada despois dun proceso de manipulación, e experimentación. Tamén en marzo o Pazo acolle a exposición "Fotoxornalismo 2013", unha mostra de fotografías captadas no último ano na provincia da Coruña por 23 recoñecidos profesionais do fotoxornalismo. Pecha o ciclo unha exposición cunha selección das obras presentadas ao XVI Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, que permanecerá todo o mes de abril no Pazo da Cultura. Este concurso de carácter anual creado en 1997 quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía.

Por último, os Venres Culturais non esquecen tampouco a conexión co cine. Así, os sábados 8 e 22 de febreiro e 8 e 22 de marzo celebrarase un ciclo de catro películas de cine francés organizado polo Comité de Irmanamento de Carballo con L'Isle Jourdain. As cintas recollidas son "Les petits mouchoirs" (Pequenas mentiras sen importancia) de Guillaume Canet; "Renoir" de Gilles Bourdos; "Les femmes du 6ème étage" (As rapazas da sexta planta) de Philippe Le Guay; e por último, "Les profs" (Os profesores) de Pierre-François Martin Laval. O acceso é gratuíto e proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en español.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa dos Venres Culturais 2014 ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: