Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os comerciantes e hostaleiros da rúa Valle...

INAUGURACIÓN: VENRES 24 DE XANEIRO ÁS 20.15 HORAS

Os comerciantes e hostaleiros da rúa Valle Inclán únense para celebrar cunha chocolatada a apertura da nova vía

Xoves 23 de xaneiro do 2014

Así, despois de que se corte a cinta inaugural (ás 20.15 horas), está prevista unha breve actuación da banda municipal de gaitas. Logo, realizarase un percorrido pola rúa, partindo do cruce coas rúas Doutor Fleming e Vázquez de Parga cara á Praza do Concello. Finalmente, está previsto que veciños e autoridades se congreguen arredor do Mesón a Cabaña e de Cafetería Habanos, encargados da elaboración do chocolate e zona onde se colocarán unhas mesas e algunha mini carpa en caso de choiva, nas que repartir o chocolate, pasteis e pan de ovo. Por último, será a quenda da actuación musical de O tren da unha. Hai que subliñar que Supermercados Froiz cede gratuitamente 120 litros de leite; que Chocolates Mariño cede tamén sen custo algún o chocolate que sexa necesario para a celebración; e que grazas a unha doazón de 300 euros de La Caixa foi posible a contratación da actuación de O tren da unha. Para os comerciantes, esta cita é unha oportunidade para dar a coñecer o comercio da rúa e as súas vantaxes. Nese sentido, Teresa Viña espera que a xente empregue os aparcadoiros públicos e gratuítos que están situados a moi pouca distancia da vía e lembrou que, aínda que non se poidan estacionar vehículos, a partir de agora sí será posible parar cinco minutos para carga e descarga.

Evencio Ferrero quixo felicitar a Construcciones Ramón Vázquez y Reino pola boa imaxe que transmitiron unhas obras "ben sinalizadas, con accesibilidade e limpeza dentro de todas as molestias que as obras ocasionan", ao igual que o fixo o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que expresou que a vontade do equipo de goberno carballés é "dar o salto que queremos de vila pequena a unha vila comercial e máis humana", transformando "as estradas en rúas" para que a xente "poida gozar do medio urbano". Ferrero, avanzou tamén que o obxectivo é crear unha grande área semi peonil e humanizada dende a rúa Valle Inclán ata a Martín Herrera, na zona da Igrexa, para "reforzar a actividade comercial" no centro da vila. Respecto das características da actuación, hai que lembrar que a Reurbanización da Rúa Valle Inclán foi adxudicada por un importe de 165.184,34 euros, IVE incluído, contou cun prazo de execución de 45 días e supuxo a colocación en toda a lonxitude da vía dunha calzada de lastras e beirarrúas de pedra con bordes de granito negro ao mesmo nivel. Nestes momentos queda pendente a colocación do alumeado e do mobiliario urbano, unha actuación que se realizará en breve, mais a partir do sábado 25 de xaneiro a rúa estará definitivamente aberta a vehículos e peóns, segundo explica o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas. Na cita tamén estiveron Carlos Eirís, de O Cestiño; Pablo Requeira, de Supermercados Froiz; e Ana Écija, de Mar de Encontros.

Compartir: