Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rapazas e rapaces de Carballo participan un ano...

PARTICIPAN UN TOTAL DE OITO CONCELLOS

Rapazas e rapaces de Carballo participan un ano máis no Club de Debate no que está prevista a presenza de 22 equipos

Xoves 23 de xaneiro do 2014

O tema escollido para a fase final desta terceira edición é "Pódese vivir en galego" e a competición será o 26 de abril. Para chegar a esta final, previamente desenvolveranse as tres fases comarcais, de cada unha das cales se clasificarán dous equipos. A zona de Santiago-Bergantiños fórmana Ames, Carballo, Rois, Santiago e Teo. Cada un dos equipos está dirixido por un preparador ou preparadora, xeralmente profesores do centro, que guían os procesos de documentación e tamén de práctica previas. Por Carballo participa un equipo formado por 10 rapaces e rapazas de 4.º de ESO do IES Parga Pondal: Paula Anido, Laura Canedo, David Castro, Iván Collazo, Cristina Fuentes, Javier Gil, Sabela Lista, Andrea Loureiro, Ángela Regueira e Débora Rodríguez. Tanto os/as preparadores/as como os membros dos equipos desta fase da zona de Compostela están convocados/as a unha xornada de formación o 4 de febreiro en Bertamiráns, Ames, no Pazo da Peregrina, de 9.30 a 13.30 horas, na que coñecerán polo miúdo o regulamento do Club de Debate e, polo tanto, as posibilidades e limitacións do desenvolvemento de cada sesión. A xornada, que tamén servirá para repasar e practicar habilidades comunicativas útiles para os debates, será a primeira ocasión para que os equipos se coñezan e interactúen poñendo en práctica un dos obxectivos do programa: a creación de contextos favorables ao uso da lingua galega.

Será nesta xornada de formación cando a organización e os preparadores fixen o tema do debate comarcal. En calquera caso, será un tema de interese e/ou actualidade para a mocidade e non necesariamente relacionado coa lingua, porque este aspecto xa se aborda no tema da final. A lingua galega si estará presente en todo o demais, como corresponde a un programa que procura favorecer o seu uso por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. O galego será o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, mellorarán a súa capacidade de síntese ou a súa oratoria, todos eles obxectivos do proxecto. E tamén será a ferramenta coa que se pretende promover o pensamento crítico e analítico ou fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo. Na fase comarcal os equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural, educativo ou deportivo valorado en 500 e 300 euros. O equipo que consiga a vitoria na final galega do 26 de abril recibirá como premio unha viaxe-convivencia dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar da xeografía galega no que poida tamén poñer en práctica o idioma para coñecer novos aspectos da súa realidade.

Compartir: