Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello carballés pecha o exercicio de...

RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO DE 61.000 EUROS

O Concello carballés pecha o exercicio de 2013 abonando as facturas a provedores nun prazo medio de quince días

Venres 24 de xaneiro do 2014

O recoñecemento extraxudicial de crédito é unha fórmula na que se recolle o pago de facturas que se refiren a servizos ou actividades a prol do Concello desenvolvidas en 2013 pero que por diversas circunstancias, ben porque non se rexistraron antes do peche do exercicio, ben por outra serie de motivos, non puideron pagarse en 2013. Nos anos anteriores, e para cumprir co principio de morosidade, téñense realizado dous recoñecementos. O mesmo ocorrerá neste caso, estando o segundo deles previsto para o mes de marzo. Este primeiro recoñece facturas presentadas ata o 14 de xaneiro, inclusive. Os 61.158,31 euros do recoñecemento presentado á aprobación do pleno supoñen menos do 0,3 por cento do total do orzamento municipal de 2013, que ascende a 21.057.765,2 euros.

Xa fóra dos asuntos económicos, a sesión inclúe a toma de posesión da concelleira do grupo municipal do BNG Inés Rodríguez Muíño en substitución da concelleira Silvana Castro. Asumirá exactamente as mesmas delegacións que a súa predecesora, as de Igualdade e Benestar, e tamén pasará a ocupar o seu lugar nas correspondentes comisións informativas e órganos colexiados. Así, Inés Rodríguez será titular nas comisións de Benestar e Participación Social e na de Promoción Económica, Obras, Medio Ambiente e Servizos; e suplente nas de Urbanismo e Medio Rural e de Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación. No que respecta aos órganos colexiados, será representante do Consello Escolar no CEIP Bergantiños e na Escola Infantil "As Landras"; formará parte da comisión de baremación de "As Landras" e na comisión mixta do Consorcio e o Concello no mesmo centro; e por último, formará parte do Comité Local da Cruz Vermella.

Moción para declarar o Día de Rosalía de Castro

No apartado de mocións, e nunha proposta que recibiu o apoio unánime de todos os grupos da corporación durante a celebración da comisión informativa, someterase a aprobación unha referida á declaración do 24 de febreiro domo Día de Rosalía de Castro e presentada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Ademais de conmemorar ese día co nome da célebre escritora na data do seu nacemento, a moción propón emprender e apoiar a realización o 24 de febreiro de actividades de promoción da obra da escritora que impliquen aos veciños e veciñas; e realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do Concello na que participe o alumnado dos centros de ensino e na que persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan un papel protagonista.

Compartir: