Inicio Carballo ao día Hemeroteca Inés Rodríguez toma posesión...

LUZ VERDE PARA UN RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE 61.000 EUROS

Inés Rodríguez toma posesión como nova concelleira do BNG na corporación e asumirá as áreas de Igualdade e Benestar

Martes 28 de xaneiro do 2014

Unha vez realizada a toma de posesión, o pleno aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe total de 61.158,31 euros cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención de PP e TEGA. O recoñecemento extraxudicial de crédito é unha fórmula na que se recolle o pago de facturas que se refiren a servizos ou actividades a prol do Concello desenvolvidas en 2013 pero que por diversas circunstancias, ben porque non se rexistraron antes do peche do exercicio, ben por outra serie de motivos, non puideron pagarse en 2013. Nos anos anteriores, e para cumprir co principio de morosidade, téñense realizado dous recoñecementos. O mesmo ocorrerá neste caso, estando o segundo deles previsto para o mes de marzo. Este primeiro recolle facturas presentadas ata o 14 de xaneiro, inclusive. Os 61.158,31 euros do recoñecemento presentado á aprobación do pleno supoñen menos do 0,3 por cento do total do orzamento municipal de 2013, que ascende a 21.057.765,2 euros.

Moción para celebrar o Día de Rosalía

No apartado de mocións, saíu adiante por unanimidade unha referida á declaración do 24 de febreiro domo Día de Rosalía de Castro e presentada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Ademais de conmemorar ese día co nome da célebre escritora na data do seu nacemento, a moción propón emprender e apoiar a realización o 24 de febreiro de actividades de promoción da obra da escritora que impliquen aos veciños e veciñas; e realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do Concello na que participe o alumnado dos centros de ensino e na que persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan un papel protagonista.

Xa no apartado de seguimento de órganos da Alcaldía, deuse conta do Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de xullo de loita contra a morosidade. No derradeiro trimestre do pasado exercicio, o Concello de Carballo pagou dentro do prazo esixido por lei de 30 días un total de 903 facturas por un importe de 1.812.000 euros cun período medio de pago de 12,29 días. Fóra do prazo establecido por lei, rexistráronse 107 facturas por un custo de 176.419, 76 euros, excedéndose o prazo en 14,52 días (cunha media de pago de 44,52). Sumando todas as facturas rexistradas entre outubro e decembro de 2013, pagáronse un total de 1.010 cun prazo medio de abono global de 15,70 días.

Por último, e en atención a un rogo presentado polo líder de TEGA, Manuel Andrade, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou de que tres técnicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas redactaran o antes posible un proxecto técnico para a creación dun paso de peóns no treito da AC-552 que transcorre entre o cruce coa Gran Vía e a igrexa de Bértoa. Así, a estrada é de titularidade autonómica, polo que é a Xunta a que debe elaborar a proposta. Porén, unha vez concretada a actuación, será o Concello de Carballo o que asuma os custos para poder implantar o novo paso de peóns.

Compartir: