Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno de febreiro aborda a aprobación...

A SESIÓN INCLÚE A ORDENANZA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O pleno de febreiro aborda a aprobación dun proxecto para humanizar a rúa Colón e transformala nunha vía peonil

Venres 21 de febreiro do 2014

Tanto o Alcalde como a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, defenden que este tipo de actuacións "favorecen o comercio e fan que Carballo sexa máis atractivo", ademais de incrementar o valor urbanístico dos baixos e edificios das rúas transformadas. Así mesmo, e segundo un estudo de mobilidade realizado polo Eixo Atlántico con datos achegados pola Oficina Técnica Municipal, o Alcalde explica que Carballo conta na actualidade con 9.000 prazas de aparcadoiros en solo público e con outras 2.000 en solares privados cedidos para espazo de estacionamento. Hai que engadir as prazas de parking do Centro Comercial Bergantiños, un total de 227. Así mesmo, Lantes subliña que o proxecto mantén os parámetros para permitir que poida construírse un aparcadoiro soterrado na Praza do Concello se algún goberno no futuro decide afrontar esta actuación. Polo tanto, defenden este modelo peonil para transformar o centro da vila. Os outros dous proxectos incluídos no Plan "DTC 93" son: a "Mellora da capa de rodadura no lugar de Nétoma-Razo" por un importe de 89.196,84 euros; e o "Sobreancho e reparación da estrada de Vilardefrancos ao Padreiro no Concello de Carballo" por 36.036,57 euros. A proposta tamén inclúe a aprobación dun Plan Complementario coa actuación "Ensanchamento e rebacheo da estrada do Taramboio a Calvelo de Arriba" por 31.948,19 euros.

Outro dos asuntos, neste caso de índole económica, é a aprobación da conta de recadación do exercicio 2013. Os datos que arroxa a liquidación orzamentaria do ano pasado poden consultarse clicando aquí. A sesión inclúe a aprobación da Ordenanza reguladora do funcionamento do servizo de axuda no fogar e dos prezos públicos do Concello de Carballo. Esta normativa xa fora levada con anterioridade ao ditame do pleno, mais quedara sobre da mesa á espera de incorporar os criterios da Consellería de Traballo e Benestar sobre o financiamento do servizo. Finalmente, agora proponse a aprobación da ordenanza cos cambios incorporados. O pleno recolle a solicitude á Consellería dunha nova Biblioteca na rúa Pontevedra de Carballo. Trátase dun asunto de trámite polo que o pleno acorda que a administración local se fará cargo do mantemento e dotación de persoal do novo edificio da Biblioteca. Ademais, técnicas da Xunta visitaron a pasada semana as instalacións para que o edificio forme parte da Rede de Bibliotecas de Galicia. Con este novo servizo, Carballo contará coa antiga Biblioteca que agora se dedicará á consulta bibliográfica e ao estudo, e coa nova na rúa Pontevedra dedicada á dinamización da lectura e que soluciona, ademais, os problemas de acceso pola presenza de barreiras arquitectónicas.

Mocións e comparecencia da CIG

No apartado de mocións tanto como PSOE, como TEGA como o PP presentaron cadansúa proposta. No caso do PSOE, o texto solicita que se inste "ao Goberno de España a retirar inmediatamente e non continuar a tramitación do Anteproxecto de Lei Orgánica polo que pretende revisar a lexislación vixente en España sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo". A moción de TEGA céntrase no ámbito local e solicita a convocatoria dunha comisión especial para elaborar un Plan director de actuación no centro carballés para que as distintas obras que se fagan -como no caso da "Reurbanización da rúa Colón"- teñan unha correspondencia co proxecto xeral, "pois este debe ser un proxecto que debe ir máis ala que este goberno e non pode estar a expensas de actuacións parciais sen un proxecto xeral que debe de contar co consenso de grupos políticos e incluso da respectiva audiencia pública das organizacións carballesas". Por último, o PP presenta unha moción, co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que insta a todas as administracións públicas a realizar campañas de divulgación e formación no ámbito do emprendemento feminino e a potenciar políticas e programas de apoio ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.

Para rematar cos asuntos incluídos na sesión de febreiro, no apartado de "Seguimento de órganos de goberno" inclúese unha comparecencia da Confederación Intersindical Galega (CIG) sobre a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para a creación de emprego en Galicia. Trátase da cuarta intervención plenaria ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá, xa que antes teñen intervido un grupo de veciños de veciñas da Agra da Lagoa, a plataforma de afectados/as polas preferentes e a plataforma contra a mina de Corcoesto.

Compartir: