Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o proxecto de...

LUZ VERDE NO PLENO PARA A CONTA DE RECADACIÓN DE 2013

Aprobado o proxecto de "Reurbanización da rúa Colón" que ten como obxectivo humanizar a vía e mellorar a actividade comercial

Martes 25 de febreiro do 2014

Coa unanimidade de todos os grupos excepto do PP, que se abstivo, aprobouse a Conta de recadación do exercicio de 2013. O balance reflicte un remanente de tesourería positivo para gastos xerais de 6.627.338,71 euros, o que supón 1.557.192,82 euros máis que o exercicio anterior, en que foi de 5.070.145,89 euros. Respecto doutras cifras recollidas a 31 de decembro de 2013, a débeda do Concello de Carballo con entidades financeiras ascende a 2.661.078,82 euros, aínda que hai que subliñar que no que vai de ano téñense amortizado 633.000 euros, polo que nestes momentos a débeda é de 2.028.078,82 euros. Nos últimos anos o volume de endebedamento ten pasado do 46,29 por cento de 2001 ao 14 por cento ao peche de 2013, mentres que a carga financeira do Concello é dun 5,97 por cento. Atendendo á débeda por habitante, ascende a 84 euros por cada veciño ou veciña, sendo un 70 por cento inferior á media galega, de 278 euros, e un 88 por cento menor que a media estatal, que supón 755 euros por habitante. Co mesmo sentido de voto que no punto anterior, saíu adiante a Ordenanza reguladora do funcionamento do servizo de axuda no fogar e dos prezos públicos do Concello de Carballo. Esta normativa xa fora levada con anterioridade ao ditame do pleno, mais quedara sobre da mesa á espera de incorporar os criterios da Consellería de Traballo e Benestar sobre o financiamento do servizo. Finalmente, agora saíu adiante a ordenanza cos cambios incorporados.

A sesión supuxo a aprobación por unanimidade dunha solicitude á Consellería dunha nova Biblioteca na rúa Pontevedra de Carballo. Trátase dun asunto de trámite polo que o pleno acorda que a administración local se faga cargo do mantemento e dotación de persoal do novo edificio da Biblioteca, que está previsto que entre en funcionamento ao longo de 2014. No apartado de mocións, a sesión abordou un total de tres. Aprobouse por unanimidade a presentada polo PP co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que se insta a todas as administracións públicas a realizar campañas de divulgación e formación no ámbito do emprendemento feminino e a potenciar políticas e programas de apoio ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para súa promoción, participación e progresión no mercado laboral. Cos votos a favor de PSOE, TEGA e BNG e o rexeitamento do PP saíu adiante unha proposta do PSOE na que se "insta ao Goberno de España a retirar inmediatamente e non continuar a tramitación do Anteproxecto de Lei Orgánica polo que pretende revisar a lexislación vixente en España sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo".

Por último, saíu adiante, cos votos a favor de todos os grupos excepto o BNG, unha moción de TEGA na que se solicita a convocatoria dunha comisión especial para elaborar un Plan director de actuación no centro carballés para que as distintas obras que se fagan -como no caso da 'Reurbanización da rúa Colón'- teñan unha correspondencia cun proxecto xeral que conte con consenso de todos os grupos da corporación ou incluso das organizacións carballesas. O pleno pechouse cunha comparecencia da Confederación Intersindical Galega (CIG) sobre a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para a creación de emprego en Galicia. Ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá, tiveron a oportunidade de expoñer a súa postura diante da corporación durante 10 minutos. O BNG e o PSOE manifestaron a súa intención de pronunciarse sobre este tema na seguinte sesión plenaria.

Compartir: